As pistas de atletismo da Veiga protagonizan o I Desafío Concello de Cervo

AMariñaXa
Pode participar calquera atleta federado, mentres que nas probas de elite só poderán participar aqueles con licenza nacional
desafío-Concello-de-Cervo
9 Ago 2024

As pistas de atletismo da Veiga serán o escenario do I Desafío Concello de Cervo o mércores 14 de agosto. A cita foi presentada pola alcaldesa, Dolores García Caramés, polo Xefe Provincial de Deportes da Xunta, Manuel Cadramón, e polo Delegado responsable da Federación Galega de Atletismo, Pablo Gandoy nas propias instalacións que acollerán unha proba na que se darán cita tres atletas olímpicos, que chegan directos de París: Adrián Ben, Óscar Husillos e Iñaki Cañal.

As inscricións son de balde e realizaranse a través da web https://sdp.rfea.es/ ata o venres 9 de agosto ás 22.00 horas. Pode participar calquera atleta federado, mentres que nas probas de elite só poderán participar aqueles con licenza nacional en vigor. A alcaldesa amosou a súa ledicia por poder ser Cervo o escenario desta competición que reunirá a estes cracks do atletismo nunha proba na que as expectativas son elevadas, dado que se marcan o obxectivo de incluso chegar a bater marcas de récord de España.

A alcaldesa quixo tamén agradecer o interese da federación por seguir a darlle pulo ás pistas que temos en Cervo, atraendo competicións deste nivel, e tamén aos atletas Ben, Husillos e Cañal, que practicamente chegan directos de París para compartir o seu talento con todo o público e atletas que se dean cita neste Desafío único.

0.20903611183167