As pistas de atletismo da Veiga estrearanse coa I Carreira Popular Maruxaina
As pistas de atletismo da Veiga estrearanse oficialmente o vindeiro 1 de novembro coa I Carreira Popular Maruxaina, organizada polo Club Deportivo San Ciprián e polo Concello de Cervo.
A cita deportiva foi presentada pola rexedora, Dolores García Caramés, polo edil de Deportes, David Rodríguez, e por varios integrantes do Club Deportivo. As instalacións xa recibiron o certificado de homologación, que acredita que reúnen as condicións regulamentarias para a práctica do atletismo e a homologación das marcas que nela obteñan os deportistas.
As persoas interesadas en participar pódense inscribir a través da web nas diferentes categorías, tanto para menores, cuxa saída está programada para ás 11.00 horas, como para a proba absoluta que será a partir das 12.00 horas.
A I Carreira Popular Maruxaina será a primeira competición de carácter oficial que acollerán as novas pistas de atletismo, un día despois da súa inauguración, que está prevista para o próximo 31 de outubro.
Desde o Concello de Cervo animan aos afeccionados e profesionais do atletismo a que se anoten a esta carreira, que será unha primeira toma de contacto coas novas instalacións coas que conta o municipio. Todas as categorías contarán co seu trofeo e, ademais, os primeiros 150 inscritos e inscritas recibirán unha camiseta técnica de agasallo.