As persoas maiores de Vegadeo visitarán a Feira Internacional de Xixón cunha excursión

AMariñaXa
O Concello subvenciona a viaxe de ida e volta para fomentar o lecer activo e a participación social
concello-vegadeo
21 Jul 2025

O Concello de Vegadeo, a través da súa Concellería de Benestar Social e Maiores, organiza unha excursión á Feira Internacional de Mostras de Asturias (FIDMA), que terá lugar o luns 4 de agosto. A saída está prevista ás 9:30 horas desde a estación de autobuses de Vegadeo, e o regreso será ás 19:00 horas.

Esta proposta está pensada especialmente para a veciñanza maior de 65 anos, que poderá beneficiarse da entrada gratuíta ao recinto da feira. A comida, iso si, correrá por conta de cada participante.

As inscricións poderán realizarse ata o día 1 de agosto na Asociación de Xubilados Suarón, situada no Centro Social de Maiores, en horario de 15:00 a 19:00 horas.

A viaxe supón unha oportunidade para gozar dunha xornada diferente, con acceso a unha das feiras máis relevantes do norte peninsular, na que empresas e institucións expoñen produtos e servizos de todos os sectores.

Desde o goberno local destacan que iniciativas coma esta axudan a promover o envellecemento activo, a convivencia e a participación social. “Queremos seguir ofrecendo alternativas de ocio de calidade para as nosas persoas maiores, que son unha parte fundamental da nosa comunidade”, subliñan desde o Concello.

⚙ Configurar cookies
0.13058304786682