As persoas coidadoras de Ribadeo contarán cun grupo de apoio mutuo

O Concello de Ribadeo, a través da Área de Benestar Social, Saúde e Familia e en colaboración coa asociación Cuiden Maiores e Coidadores, pon en marcha un grupo de apoio mutuo dirixido a coidadores e coidadoras de persoas dependentes.
Trátase dun proxecto piloto de carácter quincenal que terá unha duración inicial de tres meses e que dará comezo o próximo 28 de abril no Centro Social de Ribadeo. O grupo consistirá nun espazo de encontro no que as persoas participantes poderán compartir experiencias e inquedanzas relacionadas coa labor de coidador. As sesións estarán moderadas por profesionais da asociación Cuiden, favorecendo un ambiente de apoio, comprensión e aprendizaxe mutua.
“Estamos moi satisfeitos de poder poñer en marcha esta iniciativa, xa que sabemos que é moi necesaria. As persoas coidadoras soportan unha gran carga, tanto física como emocional, e estes espazos son fundamentais tamén para o seu autocoidado”, destaca a concelleira de Benestar Social, Saúde e Familia, Elena Sierra.
Desde o Concello animan a todas as persoas interesadas a participar neste grupo, que pretende ser un punto de apoio e acompañamento para quen desempeña un papel esencial na sociedade como é o coidado de persoas dependentes. Unha vez rematada esta primeira quenda, avaliaranse os resultados para decidir a súa continuidade en función da participación e acollida por parte da veciñanza.