As oficinas de turismo da Mariña estrean imaxe renovada para unificar a identidade do destino

As oficinas de información turística dos concellos da Mariña lucense contan xa cunha imaxe completamente renovada, tanto no interior como no exterior. A actuación, impulsada pola Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, culmina un proceso iniciado en 2024 co diagnóstico das necesidades e propostas de mellora, co obxectivo de ofrecer unha identidade visual conxunta e recoñecible en toda a comarca.

O proxecto busca consolidar unha marca territorial sólida, en liña coas accións de promoción e posicionamento desenvolvidas ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística. A nova rotulación facilita a identificación dos puntos de información e contribúe a construír unha imaxe coherente e atractiva, tanto para as persoas que visitan a Mariña como para a propia veciñanza.
A presidenta da Mancomunidade, Rocío López, destacou que “o traballo en rede e a comunicación fluída entre as Oficinas de Información Turística e a propia Mancomunidade foron elementos fundamentais para acadar un resultado satisfactorio”. Agradeceu tamén “a implicación dos responsables municipais e do persoal das oficinas, que foron pezas clave neste proceso”.
Cada oficina foi adaptada ás súas características particulares, integrando a imaxe da marca A Mariña xunto co nome de cada municipio. Instaláronse bandeirolas exteriores, vinilos, letras corpóreas, placas identificativas e mostradores personalizados, así como porta folletos con códigos QR que enlazan coa web turística comarcal.
Segundo explicou Rocío López, esta iniciativa forma parte do eixo 3 do Plan de Sostibilidade Turística A Mariña Lucense 2022-2024, centrado na mellora da imaxe conxunta e na transformación dixital do sector. Lembrou ademais que xa se avanzara neste camiño coa posta en marcha da ferramenta Infotourist Net, o subministro de tablets e a formación para técnicos e profesionais do turismo en novos retos e oportunidades en marketing dixital.

O plan está cofinanciado pola Secretaría de Estado de Turismo, a Axencia de Turismo de Galicia e a Mancomunidade da Mariña, e ten como finalidade consolidar o territorio como un destino sostible, moderno e conectado, que aposta pola calidade e pola colaboración institucional.