As obras de rehabilitación do Ceip Gregorio Sanz de Ribadeo avanzan a bo ritmo
As obras de rehabilitación integral do colexio CEIP Gregorio Sanz de Ribadeo, nas que se invisten preto de 1M€, avanzan a bo ritmo así o comprobou o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez.
O titular do departamento educativo do Goberno galego destacou o bo ritmo dos traballos, que se prevé que estean rematados no primeiro trimestre do ano. De feito, no interior só quedan pequenos detalles como algunhas tarefas de pintado, pulido de chan e de colocación de falsos teitos. Así mesmo, está colocada case a metade da carpintería exterior e do illamento exterior do edificio.
Neste sentido, agradeceu a comprensión da comunidade educativa no desenvolvemento destas obras, que se están a compatibilizar coa actividade lectiva, baixo todas as garantías de seguridade. De feito, só se traballa no interior polas tardes, cando non hai alumnado.
Román Rodríguez lembrou que esta actuación se enmarca nun investimento de máis de 14M€ en obras realizadas e comprometidas este ano na provincia de Lugo, dos que case 2,7M€ se concentraron en actuacións en centros da Mariña lucense.
Así mesmo destacou que estas obras se realizan xa de acordo co Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta do Goberno galego para o deseño dun modelo de centros post pandemia, que conta cun orzamento de máis de 191M€ para o período 2021-2024. “Con este plan, Galicia vai ser pioneira no impulso dun novo modelo de escolas, con espazos flexibles, adaptados a calquera circunstancia, equipados e cómodos, dando resposta ás novas necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas”, destacou.
AFORRO ENERXÉTICO
A rehabilitación integral do CEIP Gregorio Sanz inclúe obras no exterior como illamento de fachadas, o cambio da cuberta, a substitución da carpintería exterior e vidros, así como a reforma da iluminación, cambiando as luminarias por outras de tipo LED con regulación lumínica e detectores de presenza nas zonas comúns, entre outras medidas. Todas estas actuacións combinadas redundarán nun aforro anual do 44% tanto no consumo enerxético final do centro como en emisións contaminantes á atmosfera. En concreto, no que se refire ao gasto en calefacción prevese un aforro de máis do 62%.
A obra inclúe, así mesmo, a reparación e pintado dos paramentos interiores, a colocación de falsos teitos e o pulido do pavimento, entre outros traballos.