As obras de estabilización da baixada á praia ribadense do Cargadoiro seguen a bo ritmo

AMariñaXa
As obras de estabilización da baixada á praia do Cargadoiro seguen a bo ritmo, segundo o concelleiro de Economía e Desenvolvemento Local
Ribadeo obras Cargadoiro
18 Maio 2023

As obras de estabilización da baixada á praia do Cargadoiro seguen a bo ritmo, segundo o concelleiro de Economía e Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso.

O edil contou que “os traballos de estabilización da baixada á praia do Cargadoiro seguen a bo ritmo desde que foron xa iniciadas hai dúas ou tres semanas”.

Vizoso Galdo dixo: “trátase dunha obra moi complexa debido a que resulta necesario recalzar e estabilizar a escaleira de baixada que quedou moi deteriorada despois da arribada de pedras e o derrube do terreo e da base que a sostiña”.

O concelleiro de Economía e Desenvolvemento Local lembrou que “polo perigo que esta situación provocaba vímonos na obriga de prohibir o acceso á praia.  E, dende aquel momento, realizamos xestións coordinadas coa Dirección Xeral de Costas que deron os seus froitos. Dende o Concello asumimos o custe dos proxectos necesarios, ademais doutro tipo de traballos, e por parte do Servizo de Costas asúmese o investimento de máis de 47.000 euros, que é o que custan os traballos de reparación”.

Pablo Vizoso engadiu que “agora estivemos supervisando os traballos cos representantes de Costas e a previsión é a de poder desfrutar de novo desta praia tan querida por moitas e moitos ribadenses cara finais de xuño. Mentres tanto seguimos recomendando a quen se achegue pola zona que o faga con precaución xa que os traballos seguirán realizándose durante as próximas semanas”.

0.19424700737