As obras da residencia Hospital Asilo avanzan a bo ritmo

As obras de rehabilitación da residencia Hospital Asilo de Ribadeo continúan avanzando segundo o previsto. O alcalde, Dani Vega, acompañado pola concelleira de Benestar Social, Elena Sierra, e técnicos municipais, supervisou o estado dos traballos e destacou o bo ritmo da execución.
Vega recoñeceu a complexidade da intervención debido ao valor histórico e arquitectónico do edificio, pero asegurou que se está respectando o seu patrimonio ao tempo que se adapta ás necesidades dunha residencia de maiores. “Tódalas obras presentan dificultades, pero tratándose dun inmoble con tanta historia, con tanto valor e con tanta responsabilidade, era fundamental actuar”, sinalou.
O alcalde puxo en valor que, a pesar dos desafíos, non se realizaron modificacións no proxecto, algo pouco común en obras desta envergadura. “Non houbo ningún modificado do proxecto, o cal é moi raro e un mérito dos técnicos municipais e da empresa”, afirmou.
Ademais, anunciou que xa se está traballando no equipamento do centro. “Fai poucos días confirmamos a xestión de 400.000 euros da Xunta para o mobiliario. Agora estamos analizando as necesidades e solicitando asesoramento á administración autonómica”, explicou Vega, subliñando que a reforma permitirá ampliar a oferta de prazas dispoñibles en Ribadeo.