As obras da nova vía que conectará a zona de Galdín co centro de saúde de Cervo avanzan a bo ritmo
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, achegouse ata a zona de Galdín para supervisar as obras da nova vía ubicada entre a avenida Bellavista e a avenida da Veiga e puido constatar que a actuación avanza a moi bo ritmo.
Xa se levaron a cabo os traballos de explanación do terreo, os movementos de terra para a creación desta rúa que terá unha lonxitude de 350 metros e unha anchura de 12 metros que favorecerá o dobre sentido da circulación; así mesmo están proxectados aparcadoiros e beirarrúas en ámbolos dous lados da calzada e tamén se construirá unha nova ponte sobre a vía do tren –xa se executou a base para esta infraestrutura- e dúas glorietas -unha fronte ao centro de saúde e outra na zona de Galdín-; ademais da incorporación de nova iluminación e da dotación de servizos de saneamento e recollida de pluviais.
A actuación conta cun orzamento de 659.977 euros, froito dun convenio asinado coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, e está a ser executada pola empresa Ovisa Pavimentos y Obras S.L, que resultou adxudicataria no concurso.
Villares recordou que se trata dunha actuación fundamental para San Ciprián “que será unha alternativa de entrada e saída da vila, que aliviará moito o tráfico e tamén pode ser unha solución provisional para os vehículos pesados do Polígono de Cuíña, mentras a Deputación provincial no execute a avenida de acceso que ten comprometida”.