As obras da nova Estación Depuradora de Augas Residuais de Foz empezarán en febreiro

Foz
AMariñaXa
O Concello de Foz leva ao pleno que se celebrará este xoves a expropiación dos terreos para construír a nova depuradora.
26 Xan 2024

As obras da nova Estación Depuradora de Augas Residuais de Foz empezarán o vindeiro xoves, 1 de febreiro. Anunciouno o alcalde focego, Fran Cajoto, en resposta ás manifestacións sobre este asunto realizadas polo popular José Manuel Balseiro.

“O señor Balseiro, unha vez máis, conta a mesma mentira, falta á realidade e volve culpar a outras administracións da falta de dilixencia da Xunta de Galicia. Ademais no mes de decembro pasado convideino a acudir ao Concello de Foz para saber a realidade do estado da depuradora, dinlle tres datas -unha en decembro e dúas neste mes de xaneiro de 2024- pero non acudiu a ningunha das citas; entendo que sería porque ten a axenda completa ou moi ocupada, pero si viñera resolvería unha dúbida e non cometería o mesmo erro nos medios outra vez. A única realidade é que o 31 deste mes de xaneiro vaise firmar a acta de replanteo para a depuradora de Foz e por tanto o 1 de febreiro comezarán as obras, cun atraso de máis de 6 anos, pero por fin empezaremos a ver máquinas traballando para resolver un problema que temos na ría de Foz, que é a vertedura de augas residuais”, explica o rexedor municipal.

Fran Cajoto engade que “é unha obra que está levando Augas de Galicia, departamento da Xunta que nos informou destas datas. Precisamente no pleno deste xoves traemos a aprobación un convenio para que o espazo no que vai ir instalado o tanque de tormentas, que é titularidade de Portos de Galicia, se poida ceder para facer parte desta infraestrutura. Así que pídolle ao señor Balseiro, aínda que xa sei que estamos en período de precampaña electoral, que non use a desinformación continua, se ten algunha dúbida que me chame ou que acuda ás reunións ás que o cito e que simplemente lle diga a verdade á veciñanza de Foz”.

0.1844470500946