As mulleres da comarca preparan unha folga para o 8 de marzo
O feminismo galego tomará as rúas este 8 de marzo na plataforma Galegas 8M baixo o lema: Sen Coidados non hai vida.
Desde o ano 2018, cada 8 de marzo, galegas8m mobiliza as mulleres galegas e cada ano as rúas e estradas tínguense de lila elevando a voz do feminismo.
A situación actual obriga a repensar as accións e xeitos de facer e organizar. Mais, malia todas as restricións e limitacións, o movemento feminista galego non vai ficar calado e por iso para este 8 de marzo de 2021 acordaron promover a convocatoria dunha nova folga de mulleres de 24 horas e mobilizacións por todo o país para poñer os coidados no centro das reivindicacións. "Porque o traballo de coidados debe ser o centro e motor da vida. Visibilizaremos novamente o que está invisibilizado, novamente baixo o lema Sen Coidados non hai vida", din.
Durante esta semana realizáronse varias reunións en plataformas para organizar as distintas accións que se levarán a cabo. Con Ribadeo e Barreiros xa en marcha hoxe tócalle a vez a Foz, que convoca a unha asemblea aberta a mulleres da contorna. Será a partir das 20.00 horas na plataforma jit.si na sala Galegas8M2021-FOZ.