As mascotas de Foz xa teñen o seu propio espazo de lecer

O Concello de Foz inaugurou este sábado pola mañá o parque canino Pico do Castro, o primeiro da Mariña, situado xunto ás letras de Foz, na zona que lle dá nome. O acto contou coa presenza de membros da corporación municipal, encabezados polo alcalde, Fran Cajoto, ademais do director territorial de Medio Ambiente, Jesús Montouto, representantes da asociación Amigos dos Cans e da Protectora de Animais de Foz, así como persoal municipal e participantes da escola obradoiro que colaboraron na construción do recinto. Veciños e veciñas tamén se achegaron acompañados das súas mascotas para estrear o novo espazo.
O parque, que ocupa unha superficie de 2.000 metros cadrados, está delimitado cun valado perimetral e dispón dunha dobre porta de entrada para garantir a seguridade dos animais. Conta con instalacións como unha marquesiña para protexerse da choiva, bancos con vistas á ría de Foz, unha fonte adaptada para cans e persoas, un almacén e diferentes xogos de axilidade. Ademais, permanecerá aberto as 24 horas do día, xa que dispón de iluminación específica.
O alcalde, Fran Cajoto, destacou que esta iniciativa forma parte dun proxecto máis amplo de mellora dos espazos públicos: “Continuamos mellorando e ampliando as áreas de esparexemento do noso pobo. Na anterior lexislatura construímos pistas de petanca, unha pista multideporte en Pintor Laxeiro, abrimos ao público e melloramos o parque de educación vial e agora vimos de mellorar e ampliar xogos de nenos e adultos en distintos parques”.
Sobre a acollida do novo parque, Cajoto mostrouse satisfeito: “Recuperamos para uso público unha área degradada, como eran as antigas instalacións de gas, e conseguimos un espazo pensado especialmente para as mascotas. Pedimos un uso responsable das instalacións e agardamos que tanto os cans como os seus donos as desfruten”.