As Marchas Ciclistas Unificadas chegan a Barreiros da man de Special Olympics Galicia

GaliciaXa | AMariñaXa
A décimo terceira edición desta cita deportiva e inclusiva percorrerá catro municipios galegos entre o 2 e o 5 de outubro
BARREIROS Presentacion marcha ciclista Special Olympics 2025
23 Sep 2025

A Casa Consistorial de Barreiros acolleu este martes a presentación oficial da décimo terceira edición das Marchas Ciclistas Unificadas que promove Special Olympics Galicia, un evento que se celebrará entre o 2 e o 5 de outubro e que atravesará os municipios de Barreiros, Pereiro de Aguiar, Santiago de Compostela e Vilagarcía de Arousa.

No acto estivo presente a Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Carmela López Moreno, quen tamén preside a Fundación Eu Son. López destacou a importancia desta iniciativa, lembrando que a Deputación “mantén unha estreita colaboración cunha achega de 8.000 euros, porque impulsar o deporte como ferramenta de inclusión significa promover a igualdade de oportunidades e contribuír a mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade”.

A presentación contou tamén coa participación do presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández Pérez, e da alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida Igrexas, entre outras autoridades. Carmela López aproveitou para agradecer o esforzo da entidade e de todas as persoas implicadas na organización, facendo unha mención especial aos propios protagonistas: “Os deportistas son unha verdadeira inspiración. Nós cremos nunha sociedade máis igualitaria e cremos tamén que o deporte é un camiño marabilloso para conseguilo”.

O programa desta décimo terceira edición comezará o 2 de outubro no pavillón municipal de Barreiros, continuará o día 3 en Pereiro de Aguiar cun percorrido con saída desde a instalación deportiva municipal, o día 4 terá como punto de partida a Praza do Obradoiro en Santiago de Compostela e, finalmente, a cita deportiva pecharase o 5 de outubro na Praza da II República de Vilagarcía de Arousa.

⚙ Configurar cookies
0.10211086273193