As Letras de Florencio viaxaron ata Lourenzá polo ano de Del Riego
Unha delegación de Valdeorras, encabezada por Débora Álvarez, directora do proxecto As Letras de Florencio, viaxou ata Lourenzá para facer o relevo do facho das Letras Galegas representado por un poema de Florencio tallado nunha raíz de castiñeiro.
No Concello, foi recibido pola alcaldesa Rocío García, o concelleiro de Cultura, Manuel Arango, e Isabel Vilalba e Xosé Lois Rivera, membros da Mesa Don Paco, coordinadora dos actos das Letras en Lourenzá dedicados a Francisco Fernández del Riego, que na súa vila natal é coñecido tamén como o Paco de Amada.
Foi un encontro proposto dende Valdeorras para destacar o papel da vila anfitriona desa festa da cultura galega que son as Letras.
Por outra banda, o sábado 7 de xaneiro, coincidindo co 110 aniversario do nacemento de Fernández del Riego, darán comezo oficialmente os actos de homenaxe ao escritor ao que se lle adica as Letras Galegas 2023, coa presenza do presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes, ademais doutras autoridades autonómicas, provinciais e locais, pendentes de confirmar algunha delas.
Os actos darán comezo ás 17.00 horas no salón de actos do Concello, onde tamén se inaugurará a exposición 110 anos de Del Riego e a presentación dun Calendario biográfico sobre o escritor laurentino. Rematarán os actos coa actuación do grupo Música 1500 e a Asociación Cultural Osorio Gutiérrez.