As IV Xornadas de pesca con reclamos da Ribeira de Foz serán este sábado
A Asociación a Ribeira de Foz volve potenciar o deporte náutico na comarca facendo canteira entre os máis novos e traballando en desestacionalizar a actividade turística local, exportando a nivel nacional e internacional o potencial da pesca deportiva responsable na Mariña de Lugo.
Para iso, presenta as IV Xornadas de Pesca con Reclamos o vindeiro sábado 22 de abril en Foz, e que comezará ás 11.30 horas na casa da cultura coas charlas técnicas que serán impartidas por dez integrantes do equipo El Pez Rosa, pescadores deportivos de gran fama como Ramón Cañadas que vén desde de Almería.
As técnicas de pesca a tratar nas charlas serán sobre Ligh Spinning, unha modalidade de pesca que se puxo moi de moda entre os máis novos xa que lles permite pescar e divertirse en escenarios tan accesibles como espigóns, portos e rías, para así gozar das diferentes especies que poidan ser capturadas e que frecuentan esas zonas, como as robalizas, serranos, abadexos, maragotas, sargos, doncelas etc.
Tamén tratarán Jigging lixeiro e reclamos brandos, modalidade que se practica desde embarcación e na que nos centraremos nas técnicas, materiais e movementos adecuados para capturar especies como o Dentón e o San Martiño.
Tip Rum, que é unha técnica adaptación da pesca de luras con cana ao estilo xaponés, á pesca desde embarcación. Unha técnica nova, cunha gran aceptación en Xapón e que vai tendo máis adeptos cada día nas nosas costas xa que está a resultar tremendamente efectiva entre os pescadores do noso país que se están animado a realizala.
Pola tarde, comezará ás 17.30 horas nas inmediacións do porto pesqueiro coas demostracións prácticas da teoría explicada durante a mañá e os afeccionados que se animen poderán practicar probando os equipos e reclamos de pesca de última xeración para as diversas técnicas que tratamos.
Estas xornadas manteñen un éxito continuado co paso dos anos e chegan xa á súa cuarta edición. Este sábado volverán ter un alto número de participantes, pois xa contamos con máis de cento vinte afeccionados anotados á única parte do programa na cal é necesaria unha inscrición, a xa clásica comida de irmandade que sempre facemos e que permite aos afeccionados á pesca deportiva, que chegarán ese día a Foz desde moitos e diversos puntos de España (País Vasco, Cantabria, Asturias, Andalucía ou Cataluña) para establecer lazos de amizade e intercambiar os seus coñecementos.
O obxectivo do evento como sempre non é o de pescar, senón o de coñecer a outros pescadores e aprender uns dos outros.
PROGRAMA
IV Xornadas de pesca con Reclamos, 22 de Marzo en Foz
-De 11.30 a 13.30 horas charlas técnicas no Cenima.
-14.30 horas Comida de para os asistentes rexistrados á mesma no restaurante Casa Damián
-17.30 horas, no Porto de Foz, exhibición e práctica, os asistentes terán para probar materiais e escoitar os consellos dos relatores.
Ao final da xornada faranse agasallos e sorteos de materiais entre os asistentes ao evento.