As III Xornadas de Historia Local de Lourenzá arrincan mañá
A alcaldesa, Rocío López, e o concelleiro de Cultura, Manuel Arango, presentaron as III Xornadas de Historia Local de Lourenzá, que se celebrarán os días 15 e 16 de febreiro.
Os responsables municipais anunciaron que “o venres 15 ás 19:00 horas proxectarase o documental Os días afogados, que foi Premio Mestre Mateo 2016. E rematará a primeira xornada coa conferencia Historia, mito e lenda do Conde Santo Osorio Gutiérrez, a cargo do historiador Carlos Andrés González Paz, que é doutor en Historia Medieval pola Universidade de Santiago de Compostela e desenvolve o seu labor investigador no Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento”.
Tamén deron a coñecer que “o sábado 16 ás 19:30 horas será o laurentino Manuel Román Ramos o encargado da conferencia, que tratará sobre O Catastro da Ensenada no concello de Lourenzá. Manuel Román Ramos, mestre xubilado, é un estudoso dos arquivos e da historia do concello de Lourenzá. Rematarán as xornadas cunha actuación musical, aínda por concretar”.
Ademais durante esa fin de semana na Sala de Exposicións do Concello estará aberta unha mostra de fotografías antigas de Lourenzá.
Estas actividades están organizadas polo Concello de Lourenzá coa colaboración da Deputación de Lugo.