As I Xornadas arredor do Forte de San Damián pechan cun grande éxito de participación

As I Xornadas arredor do Forte de San Damián, celebradas os días 17 e 18 de outubro, concluíron cun balance moi positivo de asistencia e participación, consolidándose como unha cita de referencia para a divulgación do patrimonio fortificado costeiro. As inscricións esgotáronse o sábado e o venres acadouse a capacidade máxima de público, o que demostra o interese que esperta a historia marítima e defensiva de Ribadeo.
Durante dous días, a programación centrouse no estudo e análise do patrimonio fortificado costeiro, abordando a evolución do paisaxe marítimo e o seu impacto na defensa e control territorial. Os relatores convidados, profesionais de recoñecido prestixio dos ámbitos galego e asturiano, compartiron as súas últimas investigacións e reflexións arredor das fortificacións da ría de Ribadeo e doutras zonas costeiras do Cantábrico.
O encontro completouse cun amplo programa de actividades paralelas, entre as que destacaron catro visitas guiadas ao Forte de San Damián, ao casco histórico de Ribadeo, ás fortificacións de Porcillán e ao cargadoiro de minerais. Ademais, o público puido gozar de dúas degustacións gastronómicas de produtos do mar, que puxeron en valor a tradición mariñeira e a riqueza culinaria local, e dun concerto de música clásica inspirada na época da Ilustración, que serviu como peche simbólico das xornadas.
As xornadas enmárcanse no proxecto Ribadeo cara ao mar, unha iniciativa que busca poñer en valor o patrimonio marítimo e cultural do municipio a través de accións divulgativas e dixitais que fomenten o coñecemento, a conservación e o orgullo polo patrimonio común.
O proxecto conta cunha axuda tramitada perante o GALP A Mariña-Ortegal e aprobada pola Consellería do Mar, no marco do FEMPA 2021-2027, cofinanciada pola Unión Europea e a Comunidade Autónoma de Galicia.