As festas patronais de Ribadeo chegan con grandes nomes e novo recinto

AMariñaXa
O histórico grupo Ráfaga lidera un cartel musical que tamén contará con Panorama, Furia Joven, La Bamba ou Chanel Tour
fogos-artificio-ria-ribadeo
4 Aug 2025

Ribadeo prepárase para vivir, do 5 ao 8 de setembro, unha nova edición das súas festas patronais cun programa cheo de música, cor e celebración. A Comisión de Festas vén de facer público un avance da programación, que xa apunta a converter esta edición nun dos eventos máis vibrantes do ano na Mariña lucense.

A gran estrela deste ano será a banda arxentina Ráfaga, que actuará o luns 8 de setembro. O grupo traerá á vila éxitos inesquecibles como “Mentirosa” ou “Muero de frío” nun concerto que promete ser “unha auténtica festa latina”, segundo destacan desde a organización. Esa mesma noite tamén actuará Chanel Tour, completando unha xornada musical de alto nivel.

Pero o espectáculo comezará moito antes. O venres 5 de setembro abrirán a programación Panorama City e a orquestra F, garantindo un inicio de festas a ritmo de verbena moderna. O sábado 6 será a quenda da banda Tekila 2.0 e da Orquestra Furia Joven, que prometen manter a intensidade nas rúas ribadenses.

A noite do domingo 7 estará protagonizada polas formacións Cinema e La Bamba, e culminará cun dos momentos máis agardados: os tradicionais fogos artificiais no peirao, da man da recoñecida Pirotecnia Areiriz. Un espectáculo que cada ano congrega a milleiros de persoas na contorna portuaria.

Ademais da programación musical, a Comisión avanza que se celebrarán tamén o Día do Neno e o Día dos Maiores, con actividades específicas para os máis pequenos e para a terceira idade. Tamén haberá sesións vermú, charangas polas rúas e un cambio importante na loxística: o recinto principal trasládase ao aparcadoiro municipal situado entre as rúas Daniel Cortezón e Ramón González, un espazo máis amplo que permitirá acoller mellor os concertos e atraccións.

A Comisión de Festas sinala que nas vindeiras semanas iranse coñecendo máis detalles e actuacións. “Queremos que toda a vila viva estas festas con intensidade, por iso traballamos para ofrecer un cartel variado e un ambiente seguro e participativo”, explican.

⚙ Configurar cookies
0.1711208820343