Panorama, Como Dominicano e Pontevedra, amenizarán as festas patronais de Burela
As festas patronais de Burela celebraranse do 2 ao 5 de xuño e xa se saben as orquestras que amenizarán estes días de celebracións.
O venres 2 serán o Grupo Alkar e América de Vigo, o sábado 3 a orquesta La Favorita e Saudade, o domingo 4 a orquestra Pontevedra e El Combo Dominicano, e o luns 5 Ritmo Joven e a Panorama.
A comisión organizadora tamén comezou coa recollida de donativos polos negocios locais de hostelería e comercio. Ademais calquera persoa física tamén pode facer a súa aportación na conta de Abanca.
A concelleira de Festexos e presidenta da comisión organizadora, Toñi Eijo, explicou que “agradecemos todos os donativos, de calquera cantidade de diñeiro, porque supoñen unha axuda para a recadación que necesitamos para poder incluír na programación todas as actividades que queremos organizar e non ter que suprimir algunhas por non dispoñer orzamento suficiente”.
Eijo considera que “a xente debe ter en conta que o prezo do alumeado para as festas sufriu unha suba moi grande e tamén o que cobran as orquestras. Todos os prezos soben e iso hai que telo en conta. As achegas do Concello, dos hostaleiros e dos comerciantes non son suficientes para facer unhas festas como as que houbo en Burela nos últimos anos”.
A presidenta da comisión organizadora contou que “as actividades das festas serán os días 2, 3, 4 e 5 de xuño e xa nos queda pouco tempo para organizalas. A comisión está formada por moi pouca xente porque non hai moitos veciños e veciñas que se animen a formar parte dela e iso supón moito traballo para cinco persoas”.
Toñi Eijo engadiu: “animo á veciñanza que quere unhas boas festas en Burela a que se implique un pouco e colaboren para que os festexos deste ano poidan manter o nivel que tiveron as edicións anteriores”. E tivo palabras de agradecemento para As Encaixeiras, “que se ofreceron a colaborar con nós”.
A comisión organizadora das festas patronais de Burela está formada por Toñi Eijo, Belén Ramudo, Belén Feijoo,Vanesa Prieto e Raúl de Jesús Torres.