As festas de San Lorenzo de Foz contarán cun punto violeta

O espazo estará operativo o venres 9 e o sábado 10 de agosto, en horario de 22:30 a 4:30 horas, na zona do porto deportivo, xunto ao bar Náutico. A iniciativa, organizada pola Concellería de Muller e Igualdade, repite o formato aplicado nas pasadas festas do Carme e contará con técnicas especializadas en igualdade e prevención da violencia sexual, ademais dunha psicóloga.
A concelleira Ana Rojo explicou que estes puntos son “espazos libres de violencia e agresións sexuais” e buscan “promover un entorno seguro en festas con gran afluencia, para que mulleres e homes gocen en igualdade”. Tamén servirán para informar sobre como actuar ante unha agresión ou situación de acoso, así como para detectar posibles riscos.
O Concello pretende, con este servizo, previr e erradicar as agresións sexistas en contornos festivos mediante protocolos de actuación, apoio asistencial e acompañamento a posibles vítimas, sexan mulleres, homes ou persoas do colectivo LGTBI. Rojo subliñou que “é fundamental que toda a sociedade se implique para lograr unhas festas seguras, libres de agresións, con respecto e tolerancia mutua”.