As festas de San Isidoro en Penasagudas-Monte, en Xove, serán esta fin de semana
A Comisión de Festas de Monte, formada por membros da Asociación Cruz de Loureiro de San Isidoro de Monte, organiza as festas patronais da parroquia na honra a Santo Isidoro os vindeiros 15 e 16 de abril.
O sábado 15 comezará ás 13.00 horascoa misa solemne na igrexa parroquial seguida de procesión na honra a San Isidoro. Logo, ás 14.00 horas haberá sesión vermú co Dúo Belinda e ás 15.00 terá lugar o xantar nunha carpa totalmente pechada. Para inscribirse previamente no xantar, os interesados deberán chamar ao teléfono 646 647 619.
Xa pola tarde ás 17.00 horas será a verbena co Dúo Belinda e Tania Veiras. Para esta verbena a Comisión ten preparados 3 trofeos para as tres mellores parellas de baile de pasodoble e un trofeo para bachata.
O domingo 16 de abril ás 10.00 horas terá lugar unha xuntanza cabalar e un paseo de sendeirismo dende Penasagudas á Cruz do Pao da Vella que se poderá realizar tanto a pé coma a cabalo, organizada pola Asociación Cruz de Loureiro. Para inscribirse previamente na Ruta e para apuntarse ao posterior xantar, hai que chamar ao teléfono 646 647 619.
Dende a organización lembran que cada xinete participante na xuntanza será responsable dos desperfectos ou danos que poida producir xunto co seu cabalo, tanto a bens como a persoas, incluídos os danos a sí mesmo e ao seu cabalo.
Logo do paseo haberá ás 14.00 sesión vermú con José Anido, que tamén amenizará a tarde a partir das 17.00 despois do xantar, con baile e verbena.