As Farangullas serán as pregoeiras do Entroido 2026 de Foz

Foz
AMariñaXa
A comparsa encargarase tamén da exposición do entroido, que se inaugurará o xoves de comadres
Foz-entroido-as-faragullas-pregoeiras-2026
27 Oct 2025

O Concello de Foz continúa coa organización do Entroido 2026 e vén de anunciar unha das citas máis esperadas: a comparsa As Farangullas será a encargada de pronunciar o pregón e de dar así o pistoleiro de saída a unhas das festas máis emblemáticas da vila. O acto terá lugar o venres anterior ao tradicional desfile de comparsas, e servirá como preludio dunha semana chea de cor, música e humor.

Ademais, o grupo tamén será o responsable de preparar a exposición do Entroido, que abrirá as súas portas o xoves de comadres, converténdose nun espazo de encontro para revivir o espírito do Entroido e lembrar a historia e evolución desta celebración tan querida en Foz.

A concelleira de Cultura, Inés López Couto, subliñou a traxectoria e o compromiso da agrupación: “As Farangullas son unha comparsa que comezou a súa andaina no ano 2007 e que participa cada ano en todos os actos do Entroido. Estamos convencidos de que serán unhas pregoeiras que representarán á perfección o sentimento de Foz co seu entroido”.

O Concello lembra tamén que continúa aberto o prazo de inscrición para elixir á raíña ou ao rei do Entroido 2026, figura que representará oficialmente estas festas. As persoas interesadas poden presentar a súa solicitude ata o 30 de outubro, ben no Rexistro municipal, ben a través da sede electrónica.

Con esta confirmación, o Entroido de Foz continúa tomando forma e promete unha edición repleta de participación, tradición e alegría, na que o espírito das comparsas e a ilusión da veciñanza volverán ser os grandes protagonistas.

⚙ Configurar cookies
0.076012134552002