As familias do CEIP Plurilingüe de Covas acusan á Xunta de falsear datos e reclaman máis apoio educativo

AMariñaXa
Denuncian a perda de recursos en Audición e Linguaxe e Pedagoxía Terapéutica e contan co respaldo do BNG no ámbito municipal e parlamentario
VIVEIRO-Daniel-Castro-coa-ANPA-(2'26)
24 Jan 2026

As familias do CEIP Plurilingüe de Covas fixeron pública a súa profunda indignación tras as intervencións da Xunta de Galicia na Comisión de Educación e Cultura celebrada o pasado 22 de xaneiro de 2026. Segundo explican, as afirmacións realizadas polo Goberno galego non se axustan á realidade do centro e contribúen a minimizar unha situación que cualifican de urxencia educativa.

Un dos principais puntos de conflito céntrase na dotación de profesorado especialista en apoio educativo. As familias aseguran que os datos achegados pola Xunta son incorrectos, xa que se falou dunha dotación de dous especialistas en Audición e Linguaxe (AL) e dous e medio en Pedagoxía Terapéutica (PT), unha cifra que recoñecen como necesaria pero que, na práctica, non existe. Actualmente, o centro conta con 1,5 profesionais de AL e dous de PT, sendo unha delas a directora do colexio, o que supón sete horas semanais menos de atención directa ao alumnado. Neste contexto, reclaman explicacións sobre se ese reforzo foi aprobado e non executado ou se simplemente se admite como necesario sen facelo efectivo.

As familias consideran especialmente grave que se tente restar importancia á perda destas horas de apoio, suxerindo que poidan ser asumidas por outros docentes. Entenden que estas afirmacións supoñen un menosprezo ao labor específico e insubstituíble do profesorado de AL e PT, cuxas funcións non poden ser cubertas por persoal non especializado.

Outro dos aspectos criticados é o uso de datos sobre ratios que, ao seu xuízo, están completamente descontextualizados. Aínda que o centro se atope por debaixo dos máximos legais de alumnado por aula, lembran que o 22% dos nenos e nenas presentan necesidades específicas de apoio educativo, o que implica unha maior carga de atención individualizada e a existencia de prazas bloqueadas. Ademais, sinalan que a baixa matrícula está directamente relacionada coa falta de servizos básicos como comedor escolar ou transporte, unha carencia que obriga a moitas familias a optar por outros centros por motivos de conciliación.

As familias tamén rexeitan a afirmación de que non existan recortes con respecto ao curso pasado. Insisten en que a perda de medio posto de AL e de sete horas de PT é un feito obxectivo que afecta directamente á calidade da atención educativa. Finalmente, lamentan que a solicitude de reforzo do profesorado fose rexeitada por nove votos en contra do PP, fronte aos sete votos favorables do BNG e do PSOE.

Neste conflito educativo, as familias contan co apoio continuado do BNG, que vén respaldando as mobilizacións coñecidas como os Venres Negros do CEIP de Covas. A nivel municipal, o grupo nacionalista presentou un rogo no pleno para instar á alcaldía a mediar coa xefatura territorial de ensino. O seu portavoz, Cotelo, criticou que “a representación do PP en Viveiro prefira asumir o discurso da Xunta antes que defender as necesidades reais do alumnado”.

No Parlamento galego, o deputado Daniel Castro defendeu unha proposición non de lei para reclamar máis recursos e profesorado especializado no CEIP de Covas, co obxectivo de garantir unha educación pública, inclusiva e de calidade. Pola súa banda, as familias aseguran que continuarán mobilizadas ata que se dote ao centro dos recursos que consideran imprescindibles.

⚙ Configurar cookies
0.36491107940674