As Escolas Vellas de Cervo acollen unha exposición sobre Carlos Casares
Foi inaugurada nas Escolas Vellas de Cervo a mostra fotográfica Os Camiños de Casares, que se poderá visitar de luns a venres, ata o 15 de setembro, en horario de 11.00 a 14.00 horas.
A mostra, que viaxa por cinco vilas dos Camiños de Santiago, vén de ser exhibida en Mazaricos e continuará o seu percorrido durante os meses de setembro e outubro por Muxía (A Coruña); Viana do Bolo (Ourense) e San Sadurniño (A Coruña).
A EXPOSICIÓN. Recolle 40 fotografías de gran formato de Xurxo Lobato inspiradas en textos de Carlos Casares sobre o Camiño de Santiago e, en xeral, sobre a experiencia da viaxe. Xurxo Lobato é membro da Academia Galega de Belas Artes, premio Artes Plásticas Cultura Galega 2020, e premio Ortega y Gasset de El País, 2003.
As citas e textos informativos poderán seguirse en castelán e inglés, ademais de en galego, mediante un código QR. Do mesmo xeito o visitante poderá escoitar os ditos textos mediante reprodución automática de audio, e descargar tamén o folleto e mais o cartel oficial da exposición no sitio web da mostra.