As escolas deportivas estivais de Burela inclúen xogos na praia e rutas en bici
A concellaría de Deportes do Concello de Burela organiza, un ano máis, as escolas deportivas de verán que comezan o 1 de xullo e rematan o 23 de agosto. Contemplan distintas actividades que van desde multideportes e xogos tradicionais ata patinaxe, pasando por xogar na praia e por facer rutas en bicicleta. Poderán participar os nenos nados entre os anos 2013 e 2007.
Para os de idades comprendidas entre os 5 a os 7, haberá 15 prazas, e os grupos de 8 e 9 anos e maiores de 10 anos contarán con 20 prazas cada un. A adxudicación de prazas faise por rigorosa orde de inscrición e o prezo é de 8 euros ao mes por actividade.
O concelleiro de Deportes en Burela, Ramiro Fernández Rey, explicou que: "Imos ter, como todos estes anos, multideportes e xogos tradicionais que se van facer os luns, os martes imos facer xogos na praia, os mércores imos ter rutas en bicicleta, os xoves imos facer patinaxe, e os venres imos repetir as rutas en bicicleta porque tal e como foi a actividade en inverno vemos que ten moi boa acollida e decidimos facelo dous días”.
Ramiro Fernández engadiu que “o prezo das actividades é de 8 euros mensuais por cada unha delas. Hai unha documentación a presentar porque así nolo requiren os servizos técnicos de intervención, que é unha novidade, e nos obrigaron a pedir unha ficha de inscrición, a fotocopia do DNI do pai ou da nai, a fotocopia do libro de familia e o xustificante de pago da cota”.
O 27 de xuño faise pública a lista de admitidos. Pódese entregar a documentación os días 24, 25 e 26 de xuño, para o día 1 de xullo empezar a facer as actividades ata o 23 de agosto, que será o día que rematen”.
Fernández Rey manifestou que “son actividades que teñen moi boa acollida, que seguimos apostando por elas. Esperemos que este ano tamén teñan boi acollida e queremos animar á xente a participar. Penso que son unhas actividades que resultan chamativas, que á xente lles están gustando e seguimos apostando por elas á espera de que acaba este tempada e empecemos outra vez coas de inverno”.