As escolas deportivas de Cervo serán on line para nenos e adultos
Ante as novas medidas de prevención fronte á covid-19 que tan só permiten a realización de deporte individual ao aire libre e sempre usando máscara, desde o pasado mércores, 26 de xaneiro, permanecen pechadas as instalacións munipais como a piscina municipal (agás no caso excepcional do alumnado do Ciclo de Grao Superior en Ensinanza e Animación Sociodeportiva cuxa formación práctica require do uso desta instalación), o ximnasio municipal e o Complexo Deportivo da Veiga.
Debido a esta situación nas escolas deportivas infantís quedaron suspendidas as clases presenciais, pero ofertaranse actividades dirixidas por vía telemática para que os pequenos poidan seguir facendo exercicio desde a casa.
Na mesma situación quedan as escolas deportivas de adultos, que ofertan sesións de pilates, zumba e ximnasia de mantemento a través dunha plataforma virtual para que as persoas usuarias poidan seguir coa súa rutina desde a casa cos seus monitores.
Para recibir información sobre a nova situación, os veciños poden contactar co teléfono 982 55 77 77 en horario de mañá.
Ademais, o Concello anunciou que durante este tempo non emitirá ningún recibo ás persoas usuarias destes servizos e instalacións municipais.