As escavacións na necrópole de Combarro, en Mondoñedo, sacan á luz un forno de posible orixe altomedieval

AMariñaXa
Presentouse a edición XXX do Mercado Medieval de Mondoñedo que no presente ano terá lugar nos días 12, 13 e 14 de agosto
RecuperacionFoxas
22 Ago 2023

O equipo da USC que lidera esta investigación, realizada en colaboración coa empresa Tempos Arqueólogos e o Concello de Mondoñedo, destaca a calidade dos materiais cerámicos recuperados na parroquia de San Vicente de Trigás.

Os traballos arqueolóxicos desenvolvidos na primeira quincena de agosto na necrópole medieval do lugar de Combarro, situado na parroquia de San Vicente de Trigás (Mondoñedo), continúan a producir resultados de relevancia para a datación e catalogación do xacemento e o coñecemento da Galicia medieval.

O equipo liderado polo profesor José Carlos Sánchez Pardo, investigador do grupo SÍNCRISIS da USC, dá conta do achado dun forno de posible orixe altomedieval que, canda as outras pezas cerámicas descubertas, apunta cara a un tipo de asentamento que vai máis alá do uso exclusivamente cemiterial que se lle atribuía: “O forno está formado por una estrutura de fondo refundido sobre a que se asenta unha estrutura pétrea que foi localizada parcialmente” indica Sánchez Pardo. O coordinador e director científico dos traballos remarca ademais que “os materiais recuperados neste sector onde se localizou o forno son de gran calidade. Trátase de pezas cerámicas que permiten aproximarnos ao pasado altomedieval”.

A escavación arqueolóxica do que até agora era considerada unha necrópole está a achegar indicios dunha ocupación anterior á esperada ao inicio da investigación. As tres sondaxes realizadas no terreo deron luz a restos de estruturas de asentamento que modifican a comprensión da tipoloxía do xacemento dotándoo dunha maior complexidade e permitiron atopar material cerámico que sinala cara a unha cronoloxía de comezos da Idade Media. “Ademais da necrópole, da que xa tíñamos constancia, esta intervención permitiu documentar un forno e un nivel de ocupación que podería estar a falar dun tipo de asentamento da cal non coñecemos a tipoloxía”, indica Celtia Rodríguez, directora dos traballos en campo. “Isto terase que ver en próximas actuacións que permitirán esclarecer e ampliar os datos sobre este lugar e a xente que viviu nel”, continúa a investigadora.

Concluídos os traballos de escavación, a investigación arqueolóxica proseguirá nos próximos meses nos laboratorios do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), do que tamén forma parte a USC. A exhaustiva delimitación e documentación de cada unha das tumbas localizadas dá paso así á análise sobre os restos óseos recuperados no lugar de Combarro, que se agarda permitan esclarecer un pouco máis esa época da Idade Media en Galicia.

Interese da veciñanza

O equipo interdisciplinar responsable desta investigación ofreceu o pasado 10 de agosto unha visita guiada ás escavacións da man de diferentes especialistas. Entre eles, o colaborador do proxecto e arqueólogo de Mondoñedo, Abel Vigo, que presentou ás preto de 40 persoas participantes o material recuperado e os xacementos de Mondoñedo e da contorna. De igual maneira, o especialista de Tempos Arqueólogos, Sergio Sánchez, explicoulles o proceso de escavación e insistiu en que “toda escavación ten resultado positivo aínda que as sondaxes sexan negativas”, tal e como aconteceu no caso da sondaxe situada ao sur, onde os restos non se puideron localizar. Non obstante, para o grupo “a escavación na necrópole foi un éxito, xa non só a nivel científico se non tamén a nivel patrimonial”, segundo confirmou José Carlos Sánchez Pardo.

Dende o equipo arqueolóxico salientan a boa acollida desta xornada de presentación ao tempo que agradecen o labor da veciñanza na descuberta e divulgación do xacemento e a súa colaboración na realización dos traballos, especialmente no caso de Miguel Chao e Magdalena Domenech. “É importantísimo facer ver que persoas como Miguel e Magda deben ser un referente a seguir en cuestións de achados patrimoniais”, indica Celtia Rodríguez, que continúa: “é moi difícil facer entender que o patrimonio é de todos e eles foron os primeiros interesados en compartir parte dese patrimonio ca ciencia e ca xente. Son un exemplo.”

Galicia altomedieval

Liderada polo grupo SÍNCRISIS da USC, a escavación da necrópole de Combarro conta cun equipo interdisciplinario formado por especialistas en arqueoloxía, antropoloxía e historia medieval, no que colaboran a empresa Tempos Arqueólogos e o Concello de Mondoñedo. O equipo desenvolveu os traballos de escavación do 1 ao 14 de agosto nos terreos do descubridor da necrópole e veciño do lugar, Miguel Chao. Alén de delimitar o xacemento, o obxectivo dos traballos é documentar as tipoloxías das tumbas e realizar análises dos restos óseos que subministrarán información sobre condicións de vida, alimentación, enfermidades ou mobilidade das persoas alí soterradas.

Esta intervención vincúlase ao proxecto ‘Ecoloxías e economías locais na Alta Idade Media’ (ECOLOC), financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, e á investigación ‘Arqueoloxía das paisaxes monásticas na Galicia altomedieval’ (ARPAMED) financiado pola Axencia Estatal de Investigación a través da convocatoria do ‘Plan Nacional Xeración de Coñecemento 2020’.

0.15539598464966