As entradas para o concerto de Blas Cantó en Mondoñedo xa están á venda

TerraChaXa | AMariñaXa
11 Feb 2019

Dende a Asociación As San Lucas de Mondoñedo, organizadora das Feiras e Festas das Quendas, informan que as entradas para asistir ao concerto de Blas Cantó, poderanse adquirir dende esta tarde.
En concreto, o presidente da Asociación organizadora, Miguel Souto, explica que as entradas estarán dispoñibles, a partir das 16:00 horas, na plataforma Woutick. O custo das entradas é de 22 euros máis gastos de xestión.
O coñecido artista murciano ofrecerá un concerto en acústico no auditorio Pascual Veiga da cidade mindoniense dentro da programación das Feiras e Festas das Quendas, que organizadas pola Asociación As San Lucas en colaboración co Concello, celebraranse este ano entre o 29 de abril e o 1 de maio. O concerto será o 30 de abril, ás 22:00 horas.
Na propia plataforma de venda de entradas Woutick (www.woutick.es) din que Blas Cantó é considerado un dos artistas máis prometedores no panorama da música española actual. Tras a súa experiencia dende pequeno no mundo da música, durante sete anos formou parte da boy band ‘Auryn’, coa que acadou todos os récords de vendas en España e coa que logrou números un, os máis prestixiosos premios nacionais e internacionais, discos de platino e un gran éxito en latinoamérica. No 2016, participou no programa ‘Tu cara me suena’ e no 2017 anunciou a data de lanzamento do seu primeiro sinxelo ‘In your bed’.  O mesmo día da súa estrea, Blas Cantó gañou a quinta edición deste programa.
Blas Cantó obtivo discos de Ouro e Platino co tema ‘El no soy yo”, sinxelo que foi número un da lista de Los 40. No pasado mes de setembro, o artista tamén publicou o álbum de estudio ‘Complicado’, que en tan só unha semana da súa estrea, conseguiu o primeiro posto na lista oficial de vendas de España.
Agora estará en Mondoñedo para dar un concerto no que fará desfrutar das súas cancións e no que Miguel Souto ve “tamén un bo medio de promoción da nosa cidade, xa que o turismo é un dos activos de Mondoñedo e así as San Lucas e As Quendas son fundamentais para a economía da nosa cidade”.

0.18393588066101