As entidades asociativas dos concellos de Lugo teñen a disposición unha liña de axudas da Deputación

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Xunta de Goberno aprobou unha nova convocatoria do Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios, correspondente a este ano 2024, unha liña de axudas por 300.
Pilar García Porto
16 Mar 2024

A Xunta de Goberno aprobou unha nova convocatoria do Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios, correspondente a este ano 2024, unha liña de axudas por 300.000 euros que a Deputación de Lugo ofrece por terceira anualidade consecutiva ás entidades asociativas dos 67 concellos da provincia.

Así, con estes fondos poderán financiar obras no rural, en vías, accesos, locais, traídas de auga ou fontes e espazos públicos comunais, “que contribúan a mellorar a calidade de vida da veciñanza e, desta forma, axuden a fixar poboación”, subliñou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto.

O prazo de solicitude das axudas, que oscilarán entre os 1.000 e os 6.000 euros, abrirase a partir da vindeira semana, unha vez que se publiquen as bases no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

Como en convocatorias anteriores, poderán optar entidades asociativas tales como asociacións e agrupacións de veciños e veciñas, comunidades de usuarios e usuarias de augas, comunidades de montes, ou asociacións de gandeiros, agricultores ou produtores forestais da provincia, para realizar investimentos en inmobles ou equipamentos, e para fomentar e dinamizar o asociacionismo veciñal.

García Porto puxo como exemplo algunhas das iniciativas que se fixeron o ano pasado a través deste programa, a través do cal a Deputación apoiou os proxectos de medio cento de entidades: arranxos do firme en camiños e accesos, rehabilitación de fontes, reparación de lavadoiros e sistemas de abastecemento ou acondicionamento de locais sociais.

0.15610885620117