As Encaixeiras: “Queremos que os que visiten o Encontro de Palilleiras de Burela se vaian coa intención de volver”

AMariñaXa
O colectivo organiza a décimo cuarta edición da cita, que aglutina demostracións, obradoiros e visitas guiadas e coa que reivindican unha tradición de séculos de historia Por Lucía Blanco A arte das palilleiras volverá conquistar Burela.
encaixeiras_burela
4 May 2024

O colectivo organiza a décimo cuarta edición da cita, que aglutina demostracións, obradoiros e visitas guiadas e coa que reivindican unha tradición de séculos de historia

Por Lucía Blanco

A arte das palilleiras volverá conquistar Burela. O repenicar dos bolillos será o gran protagonista o vindeiro 18 de maio na vila mariñá, que acollerá o XIV Encontro de Palilleiras, organizado pola asociación cultural e artesanal As Encaixeiras e o Concello. Centos de mulleres reivindicarán unha tradición de séculos de historia que se mantén máis viva ca nunca. “A principal expectativa que temos é que desfrutemos dunha bonita xornada e que as persoas que nos visiten se vaian coa intención de volver”, conta Paqui Romo, presidenta do colectivo.

As previsións desta xuntanza que enxalza unha práctica ancestral son máis que positivas. “O ano pasado reunimos unhas seiscentas cincuenta persoas e para nós xa é unha cifra importante. As previsións que temos son de igualar ou mesmo superar esa cifra”. Como novidade, contarán cunha exposición de mantillas da colección privada de Sol Teijeiro. “Todas son antigas e a maior parte delas artesanais, aínda que haberá tamén algunha mecánica. Van poder admirar mantillas de toalla que son as que normalmente se levan con peica; mantillas de tres picos, que se levan sobre os ombreiros; mantillas con volante e tamén algunha de terno e de cerco”.

Os asistentes tamén poderán contemplar pezas de particulares bordadas e feitas con distintas técnica artesanais, así como participar no obradoiro de bolillos. “Debido ao interese que espertou na pasada edición, este ano volvemos con este obradoiro, dirixido pola artesá Marisa Hermida, pero coa novidade de que se creará unha mimosa”, di. Ademais das demostracións, a gastronomía mantense como outro dos grandes atractivos da xornada coa degustación da empanada de pescada con varios anos de percorrido.

Arte que transcende xeracións

O programa complétano as tradicionais visitas guiadas ao monte Castelo, á igrexa da Vila do Medio e ao Barco museo, que “son un éxito, a pesar de repetilas todos os anos non deixan de ter interese”. Xunto con este encontro e cos cursos que poñen en marcha no municipio, As Encaixeiras levarán o seu bo facer a outras concentracións en Galicia e Asturias. “Temos previsto ir a Cangas, a Abegondo, a Lugo, a San Cibrao.... E como viaxe anual, que ten unha duración dunha fin de semana, este ano asistiremos ao encontro de bolillos Ciudad de Salamanca”.

Unhas sesenta mulleres, tanto de Burela como de toda a comarca da Mariña, forman parte da asociación que leva dende o 2005 promovendo a cultura tradicional galega a través da arte do bolillo, unha práctica que aseguran que goza dunha gran admiración. “Recoñécense os traballos. A beleza é indubidable e hai moita diversidade, pero iso non quere dicir que sexan recoñecidas as horas que se botan e que se lle dea o xusto valor”. A media de idade das socias do colectivo sitúase nos sesenta e cinco anos, aínda que aseguran que se trata dunha actividade que non entende de anos, polo que pode asegurar o seu relevo grazas ás novas xeracións.

“Si que se interesan, pero tamén é certo que os estudos e os gustos dos mozos fan que adoiten deixalo por un tempo e que regresen á actividade cando as circunstancias llelo permiten”. O grao de complexidade desta práctica centenaria adáptase, polo que para empezar só se precisa “querer aprender e iniciarse sen prexuízos de dificultade, xa que calquera pode palillar, sen discriminación por sexo, nin de idade”. Os que se animen van descubrir que, ao contrario do que parece: “É moi relaxante e pode servir non só para ter axilidade nas mans, senón tamén para manter áxil a mente”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18216609954834