As empresas do sector marítimo que sufriron perdas pola covid serán compensadas
As empresas de transformación e cultivo de produtos do mar de Galicia disporán dun total de 7,5 millóns de euros para compensar a caída de ingresos entre o 1 de febreiro e o 31 de decembro de 2020 como consecuencia do coronavirus. Con estes apoios, cofinanciados co Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP), a Xunta subvencionará ata o 50% das perdas de facturación rexistradas sempre e cando estas sexan de polo menos un 20% en relación cos ingresos medios para o mesmo período nos tres anos anteriores -2017, 2018 e 2019-.
No caso de empresas con menos de tres anos estas deberán ter actividade durante polo menos o ano natural 2019 completo e o cálculo realizarase tendo en conta os datos dos anos correspondentes. Así o especifica un informe analizado hoxe no Consello da Xunta sobre as convocatorias de 2021 destas achegas que sairán publicadas en vindeiras semanas no Diario Oficial de Galicia.
Segundo especifica o informe, a contía destinada ás compensacións das empresas de transformación é de 4 millóns de euros e o límite de axuda por beneficiario será de 400.000 euros. No caso das empresas de acuicultura o importe da convocatoria é de 3,5 millóns de euros e o límite de axuda por beneficiario de 200.000 euros.
O prazo de presentación das solicitudes para ambas as convocatorias será dun mes contado a partir do día seguinte á publicación das ordes no Diario Oficial de Galicia, nas que se poderán consultar os requisitos exixidos para cursar as solicitudes de axuda.
Plan Avantemar
Estes apoios forman parte do plan Avantemar deseñado pola Xunta para impulsar o sector marítimo-pesqueiro após a pandemia e que supón unha inxección de 77 millóns de euros en 2020 e arredor de 13 millóns neste ano no complexo mar-industria.
As convocatorias destas compensacións aos sectores da transformación e cultivo dos produtos do mar deriváronse no tempo co obxectivo de atender tanto os danos causados pola pandemia como os provocados pola saturación dos mercados. De aí que fose preciso agardar a coñecer con exactitude o impacto da crise nas contas do exercicio 2020.
Dentro do plan Avantemar tamén se xestionaron axudas a outros sectores profesionais como a frota activa e inactiva durante a covid-19, a frota de palangre de superficie, os profesionais do marisqueo que pararon temporalmente a súa actividade durante a pandemia, as organizacións de produtores, as confrarías e entidades xestoras de lonxas e as redeiras.
Os apoios extraordinarios para compensar as perdas de ingresos nas empresas de transformación e cultivo de produtos do mar no ano 2020 como consecuencia da pandemia súmanse ás achegas que a Consellería do Mar convoca anualmente para investimentos nestes dous sectores.