As crianzas de Viveiro poderán ir no Vivertren durante a Cabalgata de Reis

AMariñaXa
Haberá outras actividades arredor deste acontecemento pensadas para todos os públicos
cabalgata-viveiro2
3 Jan 2025

Viveiro acollerá este domingo 5 de xaneiro unha das citas máis agardadas do Nadal, a Cabalgata de Reis. Virá acompañada doutras actividades pensada para todos os públicos.

A xornada comezará ás 12.00 horas co Roteiro de Nadal no tren turístico Vivertren, que sairá da estación de autobuses. A actividade será de entrada libre ata completar aforo.
A gran cita do día, a Cabalgata de Reis Magos, arrancará ás 17.30 horas dende a Piscina Municipal, en Celeiro. O percorrido da Cabalgata incluirá o Paseo Marítimo en Celeiro, Covas, a Variante, a Avenida de Ferrol e a Travesía da Mariña.

A Cabalgata chegará á zona vella de Viveiro pola Porta de Carlos V, e os nenos e nenas participantes na cabalgata baixarán á Fonte de Area. A chegada dos Reis Magos á Praza Maior está prevista para as 20.00 horas, e dende ás 18.00 horas haberá animación musical na mesma praza. Un ano máis existirá a posibilidade de que os nenos e nenas viaxen tamén no Vivertren, que acompañará a cabalgata. Non será necesaria inscrición previa, pero os nenos e nenas deberán ir acompañados dunha persoa adulta.

Despois da súa chegada, as súas maxestades dirixiranse ao público dende o balcón da Biblioteca Municipal, onde ademais seguirán repartindo caramelos. Posteriormente, serán recibidos de xeito oficial na Sala Multiusos, onde se reunirán persoalmente cos nenos e nenas.

0.15973091125488