Os máis pequenos comprenderán a importancia do consumo local cun obradoiro gratuíto en Ribadeo
O 29 de xuño terá lugar un obradoiro destinado aos nenos que leva por título 'O pequeno comercio para os mais pequenos'. Vaise desenvolver no centro de ocio infantil Con Sentidiño, que é un establecemento asociado a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos, Acisa. A actividade, que é gratuíta, comezará ás 19.00 horas.
Segundo explica o xerente de Acisa, Jesús Pérez, “trátase dun taller de consumo nocomercio local destinado aos máis pequenos e pequenas da casa”. Asemade sinala que “o obradoiro dará comezo cun contacontos orientado aos nenos e nenas que lles pretende ensinar que coa compra local gañamos todos e conseguiremos un futuro mellor”.
É ademais unha actividade que se está a “desenvolver en diferentes lugares de España. Con Sentidiño fíxonos a proposta e parecéunos moi interesante empezar a concienciar aos máis pequenos da importancia que ten o comercio local para un pobo
como Ribadeo. E facelo a través dun contacontos pode resultar moi atractivo e interesante para os asistentes”, matizan dende Acisa.
Ademais de contacontos, os nenos e nenas participarán nun taller de debuxo no que elaborarán carteis para incentivar as compras no pequeno comercio. Jesús Pérez asegura que “esas obras ou creacións pasarán a ser propiedade de Acisa, que poderá empregalas nas campañas que se organicen desde a nosa asociación”. O xerente anima “ás nais e aos pais a levar aos seus nenos e nenas para que acudan a este obradoiro o 29 de xuño, que é gratuíto e no que estarán atendidos por monitores, que os achegarán ás tendas”.