As colonias urbanas de Ribadeo poñen o ramo a un mes cheo de xogos, deporte e diversión

AMariñaXa
Cen nenos e nenas participaron cada semana nesta iniciativa estival, pensada para favorecer a conciliación e ofrecer alternativas de lecer educativo
Ribadeo-visita-colonias-2025
29 Jul 2025

O alcalde de Ribadeo, Dani Vega, e o concelleiro de Mocidade, Francisco José Silvent, visitaron esta semana as colonias urbanas que se estiveron desenvolvendo dende o 30 de xuño nas instalacións do CEIP Gregorio Sanz e que chegarán ao seu fin este venres, 1 de agosto.

Trátase dunha proposta de lecer educativo dirixida a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos, cunha participación de cen asistentes por semana. Durante as mañás, de 10 a 14 horas, os rapaces gozaron dunha ampla variedade de actividades que incluíron deportes, xogos cooperativos, obradoiros de manualidades, excursións, inchables e camas elásticas, entre outras opcións.

O concelleiro Francisco José Silvent destacou que “para facilitar a conciliación laboral e familiar, tamén habilitamos un horario ampliado de 8 a 15 horas, que foi moi ben acollido polas familias”.

Tanto Vega como Silvent agradeceron publicamente “a confianza que as nais e os pais depositaron no Concello para que os seus fillos e fillas desfrutaran dun verán distinto, cheo de aprendizaxes e momentos inesquecibles”.

A programación municipal para a mocidade continuará ao longo do mes de agosto con novas sesións das Noites Activas, que se desenvolverán nas pistas multideporte e no pavillón municipal, así como cunha festa acuática na praia dos Bloques, pensada para poñerlle unha nota refrescante ao verán ribadense.

⚙ Configurar cookies
0.1521270275116