As Catedrais avanza na súa protección con novas expropiacións financiadas por Europa

O Concello de Ribadeo conseguiu un investimento de 300.000 euros procedentes de fondos europeos para a expropiación de terreos co obxectivo de incrementar a superficie e mellorar a conectividade do hábitat no litoral. Así o anunciou o alcalde, Dani Vega, quen destacou a importancia deste financiamento e as xestións realizadas para obtelo.
“Na comisión celebrada onte aprobamos un proxecto de expropiación para conservar e mellorar a conectividade do hábitat na praia das Catedrais, un espazo natural único que queremos seguir protexendo. Este é un paso máis para garantir a súa conservación”, sinalou Vega.
O rexedor explicou que o proxecto foi aprobado cunha dotación de preto de 300.000 euros, permitindo non só a expropiación dos terreos, senón tamén a súa preservación a longo prazo. “O mantemento nos próximos anos correrá a cargo do Goberno do Estado, o que demostra a importancia da colaboración institucional. Ademais, este financiamento permite que o Concello non teña que achegar fondos propios, aforrando recursos municipais”, engadiu.
Vega puxo en valor a capacidade de xestión do Concello, subliñando que Ribadeo é a localidade que máis fondos europeos captou no último ano e oito meses. “Estes investimentos non só benefician a praia das Catedrais, senón tamén o entorno da praia de Esteiro, Illas e a ría de Ribadeo. A nosa prioridade é buscar financiamento doutras administracións para seguir avanzando sen comprometer os recursos municipais”, afirmou.
O alcalde tamén lembrou outras melloras levadas a cabo na praia das Catedrais grazas á colaboración da Xunta de Galicia, como a mellora dos accesos, o aparcadoiro ou a restauración do muro de pedra, cun investimento de 70.000 euros que tampouco requiriu achega municipal. “Este é o camiño a seguir: unha xestión eficiente que permita conseguir os maiores investimentos posibles para Ribadeo sen cargar aos nosos veciños con máis gastos”, concluíu.