As bibliotecas de 16 centros educativos da Mariña reflexionan arredor da poesía

TerraChaXa | AMariñaXa
As xornadas A Poesía que sentimos, coas que a Microrrede A Mariña –composta polas bibliotecas escolares de 16 centros educativos da zona– reflexionan arredor da poesía, xa comezaron.
5 Xuño 2019

As xornadas A Poesía que sentimos, coas que a Microrrede A Mariña –composta polas bibliotecas escolares de 16 centros educativos da zona– reflexionan arredor da poesía, xa comezaron. As actividades son froito dun proxecto colaborativo realizado entre todas elas tomando como base o lema proposto para este curso 2018/19, Poéticas diversas na biblioteca escolar.
As xornadas A Poesía que sentimos desenvolveranse os días 4, 5 e 6 de xuño en Viveiro. Tras a inauguración de onte celebrouse un recital poético a cargo das nenas e nenos da EEI San Roque, así como dúas actuacións do Conservatorio de Música de Viveiro. A xornada inaugural contará tamén cun recital poético do creador de historias Antón Cortizas e coa intervención artística da asociación Tá en Artes, que pintará en directo na rúa trasladando as palabras poéticas ao debuxo para espertar emocións.
O día 5 será a quenda do teatro, cunha obra contra o acoso escolar da agrupación teatral da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A mariña, Es único: teatro contra o bullying. O xoves pecharanse as actividades cun concerto audiovisual a cargo de David Catá e Juan Cabalar e coa presentación do libro Esta non é outra historia de piratas, da mestra e escritora María Rollé.
As xornadas complétanse cunha exposición de traballos elaborados polo alumnado dos centros educativos que compoñen a Microrrede A Mariña, que se pode visitar no salón multiusos do Concello de Viveiro. Ademais, o Centro Comercial Histórico difundirá a poesía oral en voz das nenas e nenos por megafonía nas rúas do casco histórico e os establecementos da zona exporán tamén a poesía manuscrita feita polo alumnado.
Na Microrrede A Mariña participan as biblioteca escolares da EEI San Roque (Viveiro), do CEP Lois Tobío (Viveiro), do CEIP de Celeiro (Viveiro), do CEIP Plurilingüe de Covas (Viveiro), do CEIP Plurilingüe Santa Rita (Viveiro), do CEIP Plurilingüe Pedro Caselles Rollán (Xove), do CEIP de Cervo (Cervo), do CEIP Plurilingüe Vista Alegre (Burela), do CEIP Castro de Ouro (Alfoz), do CEIP Fondo-Nois (Foz), do IES María Sarmiento (Viveiro), do IES Vilar Ponte (Viveiro), do IES Perdouro (Burela), do IES Monte Castelo (Burela), do IES Illa de Sarón (Xove) e da Escola Oficial de Idiomas de Ribadeo.

0.18058109283447