As asociacións de comerciantes poderán optar ás novas axudas da Xunta para dinamizar o comercio local

TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
A convocatoria, presentada en Sarria e dotada con 2,5 millóns de euros, financia campañas promocionais, accións de fidelización e actividades formativas ata o 12 de marzo
ACES-Sarria-Xunta
26 Feb 2026

A Xunta vén de convocar as súas axudas anuais dirixidas ás asociacións de comerciantes co obxectivo de impulsar e revitalizar o comercio de proximidade, cun orzamento global de 2,5 millóns de euros para o conxunto de Galicia. O prazo para presentar solicitudes permanecerá aberto ata o 12 de marzo.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e a directora territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Carmen José López, mantiveron un encontro con representantes da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Sarria, entidade que no exercicio 2025 recibiu unha achega de 20.500 euros ao abeiro desta mesma liña de subvencións. Durante a xornada tamén visitaron a Mercería Sarillo, un dos establecementos integrados no colectivo.

Arias animou ás asociacións da provincia a concorrer a esta nova convocatoria, que permitirá sufragar campañas de promoción —cun mínimo de seis accións anuais— destinadas a incentivar as compras nas tendas locais, así como iniciativas de fidelización de clientes e propostas formativas. Entre estas últimas inclúense congresos, obradoiros, encontros de networking e outras xornadas orientadas a reforzar a capacitación profesional das persoas asociadas.

Na edición anterior, a Xunta repartiu 350.000 euros entre sete agrupacións lucenses co fin de dinamizar a actividade comercial nas súas áreas de influencia. Ademais da entidade sarriá, recibiron apoio ACISA Ribadeo, o CCA de Foz, o CCU de Monforte de Lemos, o Centro Comercial Casco Histórico de Viveiro, a Asociación de Empresarios de Chantada e o colectivo Sete Pontes de Vilalba.

No que atinxe aos investimentos subvencionables, establécense tres tramos diferenciados en función do número de establecementos asociados. Así, os centros comerciais abertos con 100 ou máis comercios poderán optar a un máximo de 65.000 euros; aqueles que conten entre 70 e 99 negocios terán un límite de 55.000 euros; e os que agrupen entre 50 e 69 establecementos poderán recibir ata 40.000 euros.

A intensidade das axudas situarase entre o 70 % e o 90 % do gasto subvencionable. Para determinar a contía final teranse en conta criterios como o grao de innovación das campañas propostas, a súa capacidade para atraer nova clientela e estimular o consumo, así como a existencia dun plan específico de difusión das accións desenvolvidas.

0.11204481124878