As áreas de obras e medioambiente de Viveiro conseguiron unha subvención para o parque Pernas Peón
As áreas de obras e medioambiente de Viveiro conseguiron unha subvención para o parque Pernas Peón. Estas obras teñen como obxectivo "quitar barreiras arquitectónicas, mellorar a accesibilidade, naturalizar a zona e permeabilizar a fronteira norte do Parque para crear así un acceso máis fácil desde e cara á praia de Covas", explica a tenenta de alcaldesa Míriam Bermúdez.
Para lograr estes obxectivos procederase á tala de cipreses e árbores enfermas xunto coa eliminación de tocos, á retirada de parte do muro que delimita a zona norte do parque e á mellora do acceso situado fronte ao acceso á praia de Covas.
"Os cipreses crean un efecto valado do parque, pechándoo e separándoo do espazo natural da praia de Covas, polo que a súa eliminación creará unha apertura visual desde o Parque cara á praia e viceversa, e favorecerá a creación dun conxunto natural", afirma Bermúdez.
Tamén se creará así mesmo un paso de peóns elevado, pavimentaranse os accesos ao restaurante e aseos públicos, crearase unha beirarrúa de 3 metros de ancho e plantaranse novas árbores, arbustos e vivaces para aumentar a diversidade da zona.
Míriam Bermúdez subliña que esta nova beirarrúa da que gozará o parque destacará pola súa maior accesibilidade, de cara a permitir que todas as persoas poidan gozar do parque sen limitacións de ningún tipo".
"Imos ordenar a liña do litoral e embelecer o lugar baixo criterios paisaxísticos e ecolóxicos, para crear unha conexión coa praia máis natural", sinala a primeira tenenta de alcaldía de Viveiro.
"Nun futuro está previsto elevar a actual calzada ao nivel do parque e facer así un acceso desde e cara á praia sen barreiras arquitectónicas, baixo o formato coñecido como plataforma única", engade.
A concelleira de Obras e Medioambiente quere agradecer ao persoal do concello "a súa labor para seguir facendo do noso concello un lugar mellor e máis agradable para vivir".