As actividades do Entroido de Burela arrincarán o día 17
Do 17 ao 22 de febreiro desenvolverase a programación do Entroido de Burela 2023, que hoxe presentaron o alcalde, Alfredo Llano, e a concelleira de Festexos, Toñi Eijo.
As actividades arrincan o día 17 coa festa xuvenil que terá lugar de 19 a 22 horas na praza de abastos con dj, chocolatada e filloas. O 18 de febreiro, tamén na praza de abastos, está programado un pintacaras e obradoiro de máscaras de Entroido. Será de 11 a 14 horas.
No mesmo escenario, é dicir na praza de abastos, haberá un obradoiro de cociña infantil o 20 de febreiro entre as 16:30 e as 19:30 horas. As prazas son limitadas. É preciso inscribirse en Gaia nos seguintes teléfonos: 647 136 673 ou 982 580 867.
O 19 de febreiro, domingo, será o desfile de Entroido a partir das cinco da tarde desde a Rúa do Ril ata a Praza da Mariña. As inscricións para participar deberán facerse na Casa da Xuventude ata o 17 de febreiro, de xeito presencial, por correo electrónico en casaxuventude@burela.org ou por teléfono 982 581 141 ou 647 136 673. Tamén pode ser no local de Ledicia o mesmo día do desfile a partir das tres e media da tarde. En total a organización repartirá 2.200 euros en premios.
As actividades do Entroido de Burela seguirá o 21 de febreiro, festivo local, coa celebración do día do neno no pavillón dos IES, de 16:30 a 21:00 horas. Haberá inchables, pintacaras, manualidades, photocall, música, desfile e premios.
O remate do Entroido burelés será o 22 de febreiro co Enterro da Sardiña a partir das 20 horas desde O Poeta ata O Penoural.
Alfredo Llano e Toñi Eijo animan “á veciñanza a participar no noso Entroido, que conta con actividades para todos os públicos. Agardamos que sexa do agrado de todas e todos”. E agradecen a colaboración de todas as asociacións implicadas ademais da realizada pola Deputación de Lugo: “trátase de Acia Burela, Ledicia, As Encaixeiras, asociación Esperanza de loita contra o cancro, Amas de Casa Burela, Raíces Peruanas, asociación saúde mental A Mariña e Banda de Gaitas Dambara”.