Arte e tradición únense en Burela no proxecto “Facer territorio atando cabos”

A nave de redes do porto de Burela convértese estes días nun espazo de encontro entre arte e tradición grazas ao proxecto “Facer territorio atando cabos”, unha proposta impulsada pola Rede Museística Provincial que reúne aos artistas Irene Trapote e Sergio Marey co colectivo das redeiras da localidade.
A deputada de Cultura, Iria Castro, o tenente de alcalde de Burela, Mario Pillado, e a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Sandra Fernández Cillero, visitaron esta mañá o espazo de traballo, acompañados pola xerente da Rede Museística, Encarna Lago. Durante a visita puideron coñecer de primeira man o desenvolvemento desta iniciativa, que aposta pola colaboración directa entre creadoras e traballadoras do mar.
O proxecto baséase nun proceso creativo compartido, no que se prioriza a escoita e o intercambio de experiencias nun plano de igualdade. Nesta primeira fase, que se está a levar a cabo estes días, recóllense testemuños orais e material gráfico e audiovisual que servirá de base para a elaboración da obra final. As propias redeiras participarán tamén na creación da peza, reforzando así o carácter colectivo da proposta.
A obra resultante será presentada o vindeiro 17 de xuño no Museo do Mar de San Cibrao, pechando un proceso que busca poñer en valor o coñecemento artesanal ligado ao mar e a súa transmisión ao longo das xeracións.
“Facer territorio atando cabos” reivindica o papel dos oficios tradicionalmente desempeñados por mulleres, moitas veces invisibilizados ou relegados a un segundo plano. Neste sentido, o proxecto propón unha mirada feminista sobre o traballo manual e destaca ás redeiras como gardiás dun saber que forma parte da identidade cultural da Mariña.
Esta iniciativa intégrase no programa “Soterradas” da Rede Museística Provincial, unha liña de acción centrada en dar visibilidade a historias, prácticas e vidas que historicamente permaneceron ocultas, con especial atención ao papel das mulleres no ámbito social e cultural.