Arte e denuncia: tres creadores da Mariña exhiben unha obra efémera sobre a situación sanitaria

AMariñaXa
A instalación, unha mestura de pancarta e cadro, exporase ao aire libre como metáfora da vulnerabilidade dos pacientes ante as demoras e a falta de coidados
obra-efemera-hospital-marina-maio-2025
20 May 2025

Os artistas plásticos Adri Pardo, Neira Brochs e Pedro Cabarcos, todos eles naturais da Mariña lucense e recoñecidos con premios tanto nacionais como internacionais, impulsan unha intervención artística singular para chamar a atención sobre a situación da sanidade pública na comarca.

Trátase dunha obra en formato de pancarta-cadro, que será colocada ao aire libre, exposta intencionadamente ás inclemencias meteorolóxicas. O obxectivo é que a deterioración da peza sirva como alegoría visual da fraxilidade do sistema sanitario e da desprotección que poden sufrir os pacientes ante a falta de previsión ou recursos.

Os propios autores, usuarios do Hospital da Mariña, explican que a iniciativa nace da súa experiencia persoal como pacientes que tiveron que agardar longas listas de espera. Aínda que finalmente foron atendidos con profesionalidade, queren poñer o foco no risco que implica unha xestión insuficiente dos recursos sanitarios.

“Queremos que a obra vaia esmorecendo co paso do tempo, que se desgaste, que se vexa como o abandono tamén pode borrar vidas”, sinalan. Con esta proposta, os tres creadores fan un chamamento á reflexión social e institucional sobre a importancia dun sistema de saúde público, accesible e ben dotado.

⚙ Configurar cookies
0.15969181060791