Arrincou o VI Camiño Gastronómico do Mar en Ribadeo

Este sábado deu comezo en Ribadeo a sexta edición do Camiño Gastronómico do Mar, unha iniciativa que combina sendeirismo, historia e unha irresistible experiencia culinaria. A xornada inaugural foi unha mostra perfecta da filosofía deste proxecto: camiñar, coñecer e saborear.
A actividade arrancou ás dez da mañá cun percorrido de arredor de quince quilómetros entre o centro de Ribadeo e a fermosa praia de Arealonga, en Barreiros, xunto ao restaurante A Yenka. O tramo, correspondente á primeira etapa do Camiño do Mar, regalou aos participantes paisaxes espectaculares e un clima agradable, malia o vento constante. Durante a marcha, seguiuse o antigo camiño francés e compartíronse pequenas pinceladas históricas sobre lugares como os hospitais de San Sebastián, a capela de San Roque e a Virxe do Camiño.
A parada máis emblemática da ruta foi, sen dúbida, na Praia das Catedrais, onde o grupo realizou a tradicional foto conxunta, rendendo homenaxe a un dos tesouros naturais máis recoñecidos da Mariña. O tramo concluíu na praia de Arealonga, onde os camiñantes desfrutaron dun merecido descanso e dun pequeno refrixerio no restaurante A Yenka.
A xornada comezou cun emotivo acto de benvida diante da Casa do Concello de Ribadeo, ás nove e vinte da mañá. A concelleira de Turismo, Marta Saiz, recibiu aos participantes e convidounos a selar as credenciais desta sexta edición. Tamén participou o alcalde Daniel Vega, que exerceu de anfitrión abrindo as portas do Concello e ofrecendo unhas palabras de acollida no Salón de Alcaldes, reforzando o espírito hospitalario de Ribadeo.
Durante o acto, Manuel Vicente, presidente da Asociación Amigos do Camiño do Mar, agradeceu a colaboración constante do Concello e destacou o obxectivo principal do proxecto: poñer en valor o mar, o territorio e a gastronomía. Pola súa parte, Sergio López, xerente da OPP de Burela, explicou o sentido máis profundo desta iniciativa, que busca destacar os produtos do mar e o traballo das súas xentes.
O broche final puxérono os sabores. Tras a camiñada, os participantes desprazáronse en autobús —grazas á colaboración de Eocar— ata a praza de abastos de Ribadeo, onde tivo lugar a esperada degustación gastronómica. Os chefs Bruno Pena e Juan Vilariño, da asociación Cociñeiros de Lugo, prepararon dúas elaboracións que fixeron as delicias de todos: arroz de pota e tintoeira á galega, dous produtos emblemáticos da flota de palangre de superficie de Burela. As receitas maridáronse con cervexa Estrella Galicia e auga Cabreiroá, e a sobremesa chegou da man de Coffee Urban Roaster, que se sumou por primeira vez ao proxecto servindo o café aos peregrinos.
A organización cualificou a xornada como un auténtico éxito de participación, cunha inscrición que se completou en tempo récord e unha gran demanda para as próximas etapas. A segunda cita do Camiño Gastronómico do Mar celebrarase o domingo 26 de outubro, cun percorrido entre a igrexa de Fazouro (Foz) e a igrexa da Vila do Medio (Burela).
Esta iniciativa continúa a consolidarse como un encontro que une mar, camiño, historia e gastronomía, poñendo en valor o mellor da Mariña Lucense.