Arrincaron as IV Xornadas de Portas Abertas das Rutas de Artesanía
Arrincaron esta tarde as IV Xornadas de Portas Abertas das Rutas de Artesanía. A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, coa axuda da Axencia de Turismo de Galicia da Xunta e da Deputación de Lugo para a súa promoción, organiza esta cita, que nesta edición se desenvolven do 17 ao 19 e do 23 ao 26 de xuño. Nesta ocasión, ademais, realizarase un sorteo entre as persoas que participen que consistirá en 4 premios de experiencias, aloxamento e almorzos nas empresas participantes no proxecto Turismo Slow Norte de Galicia localizadas na Mariña Lucense.
Desde a Mancomunidade o seu presidente, Fran Cajoto, lembra que “se trata dunhas xornadas con actividades gratuítas que se organizan por cuarto ano consecutivo da man dos artesáns da comarca que conforman o proxecto das Rutas de Artesanía da Mariña Lucense, polo que a Mancomunidade leva apostando dende hai anos. Na primeira edición destas xornadas no ano 2019 organizáranse en xuño co obxectivo de axudar a dinamizar este mes previo á tempada alta e desta vez, logo dos anos fortes da pandemia cando se centraron no outono, retómanse esas datas co mesmo obxectivo: ampliar a tempada turística”.
Cajoto amósase satisfeito “polo éxito da convocatoria, xa que quedan moi poucas prazas libres. Algunha queda para este domingo e a vindeira fin de semana en San Cibrao e pouco máis”.
As xornadas deste 2022 chegan con novidades: “trátase dunha nova xornada e ruta que discorrerá por Ribadeo ao entrar a participar no proxecto o Atelier Raíces Nómadas, onde Ezequiel Franchi elabora artesanalmente artigos de marroquinería fina e que a partir de agora estará dispoñible para recibir visitas no seu obradoiro. Así pasamos de 6 a 7 Rutas de Artesanía que discorren pola comarca. E, por outro lado, co obxectivo de promocionar esta iniciativa ponse en marcha un sorteo entre as persoas que participen como mínimo en 2 das xornadas – visita ao obradoiro artesán máis actividades - e qué mellor que facelo da man doutro proxecto promovido pola Mancomunidade, o Turismo Slow Norte de Galicia. O sorteo consistirá en 4 premios clasificados en 2 categorías diferentes: 2 premios de experiencias turísticas do proxecto Turismo Slow Norte de Galicia por valor máximo de 300 euros cada un e 2 premios de 1 noite para 2 persoas (aloxamento máis almorzo) nun establecemento do proxecto Turismo Slow Norte de Galicia por valor máximo de 150 euros cada un”, segue a relatar Fran Cajoto.
A axente de desenvolvemento turístico da Mancomunidade, Tania Hermida, subliña que “as IV Xornadas de Portas Abertas, coma nas anteriores edicións, estarán dedicadas ao público en xeral, pero tamén ao sector turístico e educativo. Arrincan hoxe aquí, en Burela, con visita ás redeiras de Cabo Burela, ao barco museo Reina del Carmen e tamén ás Conservas Faro Burela. Xa mañá, sábado, faremos da Ruta dos Artesáns de Mondoñedo. Visitaremos ás 10:30 horas a Ponte do Pasatempo e o taller de monicreques de Ton Arenas, ás 11:40 horas achegarémonos ata o barrio dos Muíños e ao alfar Esquina Atlántica e ás 13.00 horas realizaremos unha visita polo casco histórico de Mondoñedo, que será guiada por Claudia del Pino. E o domingo en Viveiro visitaremos a Regal Cerámica a partir das 10 da mañá, achegarémonos ao paseo fluvial Alcalde Cerdeiras ás 12:30 horas, percorreremos o casco histórico de Viveiro con Noela Feal a partir da unha do mediodía e ás dúas visitaremos a exposición permanente nos Claustros de San Francisco”.
As IV Xornadas de Portas Abertas das Rutas de Artesanía seguirán do 23 ao 26 de xuño en San Cibrao, Foz, Ribadeo, A Pontenova e Riotorto.
As actividades son gratuítas e inclúen a visita a un ou dous obradoiros e as actividades complementarias. Para participar é preciso reservar, xa que as prazas son limitadas, en https://amarinalucense.gal/es/rutas-artesania onde tamén se poden consultar as bases do sorteo. Para calquera dúbida ou consulta as persoas interesadas poden dirixirse a turismo@amarinalucense.gal ou no teléfono 636 737 608.