Arrincan as rebaixas de inverno en Ribadeo nunha aposta polo comercio local

AMariñaXa
Desde Acisa valoran de xeito positivo a campaña de Nadal
mercar-comprar-bolsas-comercio-1
7 Jan 2025

Arrincan as rebaixas de inverno en Ribadeo, que durarán as próximas semanas. Así o trasladou a Asociación de Comericantes, Industriais, Servizos e Autónomos (Acisa) que agardan que se siga apostando polo comercio local.

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, sinala: “Este ano queremos desde Acisa animar aos veciños e veciñas de Ribadeo e de toda a contorna a que fagan as súas compras de rebaixas en Ribadeo, no comercio local, fronte á opción de facelo a través de internet e das grandes plataformas de venda online. Vimos dunha campaña de Nadal moi boa na que, polo menos en Ribadeo, dá a sensación de que primou moito máis o comercio local que as vendas a golpe de clic, grazas entre outras cousas a ese trato persoal e ás facilidades que che dan nunha tenda física”.

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, indicou que “Ribadeo é un referente comercial na comarca e na provincia, e iso tamén se nota durante as rebaixas. Aquí atoparán de todo: moda, calzado, xoiería, electrónica, electrodomésticos, agasallos, saúde… cos mellores descontos e coa mellor calidade, e sobre todo cun trato personalizado, con asesoramento e moitas facilidades para seguir fidelizando á clientela”.

Cruzado expresa que os datos apuntan a que cada galego gastará nestas rebaixas uns 85 euros, un pouco máis que o gasto real realizado o ano pasado. Agardamos que esta cita sexa un éxito de vendas”.

EXITO DA CAMPAÑA DE NADAL

Pola súa banda, a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, fixo unha valoración moi positiva da campaña de Nadal: “desde Acisa estamos moi satisfeitos co funcionamento desta campaña de Nadal. Ribadeo vía cheo de bolsas de comercios locais. Os primeiros datos que temos son moi bos. Moitos negocios de Acisa xa esgotaron as rifas da XIV Festa do Comercio; quedan en locais moi contados algunhas para a esperada cita do vindeiro sábado, 11 de xaneiro. Hai que lembrar que se editaron 180.000 rifas, 30.000 máis que na pasada edición. Por tanto, sen dúbida, a campaña comercial en Ribadeo foi moi boa”.

0.17669105529785