Listo o programa da VII edición do Ribadeo Indiano

AMariñaXa
Chegan as Antevésperas do Ribadeo Indiano 2022 cun coloquio e con actuacións musicais para a vindeira fin de semana.
ribadeo indiano 2019
1 Xul 2022

Esta VII edición, dedicada á muller, vén cargada de propostas diferentes para facer que o Ribadeo Indiano reluza con máis esplendor. Xa dende o fin de semana anterior, nas tradicionais antevésperas e vésperas, comezarase a gozar do ambiente indiano.

Arrinca unha nova edición do Ribadeo Indiano, festival de época que a vila adica á inmigración a ultramar, e que dará comezo o venres 8 de xullo co pregón a cargo de Rosario Álvarez ás 19.15 horas e a actuación de Toxo Guayaba.

Máis tarde será a baixada ao peirao de Porcillán na compaña do Cuarteto Tradicional Illa Pancha e a banda de música municipal de Ribadeo, que servirán de preludio para a animación teatral e as actuacións musicais da noite no Quiosco da música do Campo de San Francisco.

Durante a mañá do sábado abrirase o Mercado de produtos de ultramar e haberá diferentes actividades como un torneo de petanca e outro de billarda, visitas á Casa Indiana de don Inocendio ou á Casa do Óptico, así como paseos culturais polo legado indiano, unha xincana ou visitas teatralizadas. A música será unha peza fundamental nesta xornada que contará con recantos, co quinteto de acordeóns Lagunak, Son de Camagüey, Faíscas da Pontagra ou clases de bailes latinos.

O domingo 10 volverá o Mercado da horta coa alborada de Buxos Verdes, seguido dun coloquio cinematrográfico sobre a muller e a emigración, e espectáculos musicais como o da cantante mexicana Lila Downs e o xantar campestre no Círculo Habanero da Devesa. Este día tamén vovlerán as actividades como os paseos culturais, unha exhibición de vehículos clásicos e o esperado sorteo da viaxe a Cuba.

Poderase reservar calquera das actividades programadas no teléfono 982 128 689 ou na Oficina de Turismo de Ribadeo xa que hai prazas limitadas. Para a xincana haberá que facelo no correo xincanaribadeoindiano@gmail.com, e para o xantar campestre en Hotel Restaurante La Villa e Oficina de Turismo de Ribadeo.

0.20116996765137