Arrinca o ciclo de charlas da FCAM sobre futuro laboral na Mariña

AMariñaXa
No CIFP Porta da Auga de Ribadeo destinadas aos estudantes de FP
211124-Foto-FCAM-Porta-da-Auga-2
22 Nov 2024

Arrincou en Ribadeo o ciclo de charlas da FCAM sobre o futuro laboral na Mariña lucense. Están destinadas aos estudantes de FP aos que lles queren insistir en que “aquí hai futuro, que hai moita demanda de man de obra por parte das empresas, e que tamén nesta comarca é posible emprender”.

Alumnado dos segundos ciclos de Atención a Persoas en Situación de Dependencia, Electromecánica de Vehículos Automóbiles, Instalacións Eléctricas e Automáticas,  Xestión Administrativa, Administración e Finanzas, Automoción, Mantemento de Vehículos, e Educación Infantil asistiron no CIFP Porta da Auga ao inicio deste ciclo de charlas no que María Novo, de Con Sentidiño; Iván Marrube, CEO de Loxística Reyco; e Carmen Cruzado, presidenta da FCAM, lles achegaron as súas experiencias laborais.

María Novo foi estudante do CIFP Porta da Auga e o seu proxecto de ocio educativo saíu do viveiro de empresas co que conta este centro. Esta emprendedora ribadense animounos a optar por esta posibilidade, sempre e cando teñan moi clara a súa vocación. Ela tivo claro desde o principio que o seu negocio o quería poñer en marcha en Ribadeo, e iso foi o que fixo hai sete anos.

Iván Marrube, CEO de Reyco, tamén falou do seu paso pola Formación Profesional, dos postos de traballo desenvolvidos en cidades como Lugo ou A Coruña e contoulles que sempre tivo moi claro que quería vivir e traballar na Mariña e que desde neno sempre lle chamou a atención a posibilidade de ser xefe. A súa recomendación foi moi directa: “soñar en grande e traballar duro” para conseguir os obxectivos que un se marca na súa vida profesional.

E Carmen Cruzado, presidenta da FCAM e tamén emprendedora, comentoulles que na Mariña lucense hai moita demanda de emprego en todos os sectores e practicamente en todas as profesións, que nesta comarca hai traballos moi dignos e que a calidade e o nivel de vida que hai aquí non é comparable á de grandes ou medianas cidades.

A presidenta da FCAM agradeceu a posibilidade de falar no CIFP Porta da Auga sobre o futuro laboral na Mariña lucense: “Grazas ao seu director, Isidro Berdeal, e a Beatriz Trigo, dinamizadora da relación con empresas na FP, por permitirnos achegarnos aos estudantes do centro a contarlles a realidade que palpamos na rúa e que nos fan chegar as empresas ás que representamos”.

O ciclo sobre o futuro laboral na Mariña lucense seguirá ao longo do presente curso 2024/2025 por outros centros e localidades da comarca.

 


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.19342303276062