Arrancan en Cervo os traballos de aglomerado na vía provincial de Río Covo a Vilaestrofe

AMariñaXa
A actuación forma parte do proxecto de mellora do firme da vía a mellora da drenaxe e o ensanche en varios tramos da calzada
aglomerado-na-LU-P-1503-cervo
25 sep 2024

A Deputación de Lugo está desenvolvendo en Cervo os traballos de aglomerado en quente no firme da estrada provincial LU-P-1503, que vai dende Río Covo, por Trasbar, a Vilaestrofe. A actuación forma parte das melloras na estrada que a institución provincial está a levar a cabo cun investimento ao que destina máis de 400.000 euros, e afectan a case os 3
primeiros quilómetros da vía, desde o inicio da estrada ata o punto quilométrico 2,6.

Uns traballos que obrigan a ter que cortar a vía ata o vindeiro venres, tempo que se estima necesario para estas tarefas, sempre e cando as condicións metereolóxicas o permitan. Durante este período, habilitaranse desvíos por outras rutas para minimizar as molestias aos usuarios e usuarias desta estrada. O proxecto inclúe a mellora da drenaxe e o ensanche en varios tramos da calzada ata chegar a acadar nalgún punto os 5,75 metros, o que permitirá garantir unha maior seguridade para o paso de dous vehículos.

Os traballos finalizarán coa sinalización e pintado mediante marcas viais reflexivas brancas. Esta actuación é de gran relevancia, xa que a vía LU-P-1503 enlaza coa estrada provincial LU- P-1502 e serve de acceso a múltiples servizos, comunicando co concello de Burela e o Hospital Público da Mariña, así como cos campos de fútbol da Granda en Rúa e o da Chá en Vilaestrofe, e co Miradoiro de Monte Castelo.

0.19377994537354