Arrancan as San Lucas de Mondoñedo cun xantar de maiores e o pregón de Carlos Folgueira

A deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Carmela López Moreno e o deputado de Medio Rural e do Mar e Mocidade, Daniel García Fernández, asistiron este xoves na casa consistorial de Mondoñedo ao acto de apertura das festas das San Lucas, que se celebrarán neste municipio mariñán ata o próximo día 20. Esta primeira xornada contou cun xantar para as persoas maiores do municipio, xogos populares na Praza Jaime Cabot, o pregón a cargo do mindoniense Carlos Folgueira e diferentes actuacións musicais.
Esta emblemática cita continuará ata o 20 de outubro e a programación inclúe actividades pensadas para todos os públicos como: unha homenaxe ao artista Xosé Vizoso, a feira de gando cabalar, espectáculos infantís, un concurso morfolóxico, e actuacións de doma nocturna, entre outras moitas propostas.