Arrancan as escolas deportivas de Ribadeo con preto de 500 alumnos

Preto de 500 nenas e nenos se inscribiron nas Escolas Deportivas de Inverno do Concello de Ribadeo, que xa botaron a andar.
O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, subliñou: “estamos moi satisfeitos coa resposta. As Escolas Deportivas Municipais de Inverno contan este curso con 492 alumnos e alumnas matriculadas en todas as especialidades que ofertamos, que son unha ducia: atletismo, bádminton, baloncesto, fútbol, fútbol sala, hockey liña, natación, pádel, patinaxe, tenis, tenis de mesa e ximnasia rítmica”.
O edil ribadense explicou que “desde o Concello de Ribadeo facemos un esforzo importante para contar con esta ampla oferta deportiva para as nosas nenas e os nosos nenos. Destinamos preto de 58.000 euros a subvencionar as Escolas Deportivas de Inverno para favorecer a práctica de todas estas disciplinas”.
Silvent engadiu: “agardamos que o alumnado aproveite ben o curso e toda a oferta deportiva que o Concello de Ribadeo pon ao seu alcance. O deporte é saúde, é convivencia, é traballo en equipo, é esforzo individual e é disciplina”.