Arrancan as actividades da Camovi cunha xornada sobre a figura de Ramón Blanco
O Concello de Viveiro será esta fin de semana o escenario dunha nova edición da carreira pola montaña Camovi. Este ano a proba será unha homenaxe a Ramón Blanco, un referente no mundo do alpinismo, que ascendeu a algúns dos cumios máis altos do mundo, entre eles o Monte Everest. O alpinista, nado en Xerdiz (Ourol) faleceu o pasado mes de agosto e participou en
varias edicións na Camovi, contribuíndo á súa sona internacional.
A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, agradeceu “ao clube organizador da proba, o Camovi, o seu esforzo e traballo desde hai anos”. Como eles mesmos explican, “do reto dun grupo de amigos por percorrer os montes que rodean o Val do Landro naceu a Camovi, esta Carreira de Montaña Montes de Viveiro, e para nós, como Concello de Viveiro, é un pracer e unha obriga colaborar e contribuir á súa promoción”, afirmou.
A rexedora está convencida de que a cita será un éxito e dende o Goberno local van a facer “todo o que estea da nosa man para apoiar esta carreira e impulsar o deporte en todas as súas modalidades”, rematou Loureiro. De novo, mantense como unha das citas máis destacadas no calendario deportivo de Viveiro. “Son máis de 1.000 os participantes e milleiros as persoas que se achegan ata a vila para acompañalos ou para desfrutar dela”, subliña María Loureiro.
A área de Deportes da Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora no patrocinio da proba que, a falta do peche das inscricións, conta con máis de 900 persoas inscritas nas diferentes modalidades de participación que ofrece – 42 quilómetros individual, 42 quilómetros con relevos, 21 quilómetros, 10 quilómetros, Camovi Kids e unha andaina de 10 quilómetros
Deste xeito, a rexedora de Viveiro presidiu a reunión á que acudiron representantes da Policía Nacional, Garda Civil, do Parque de Bombeiros de Viveiro, e de Protección Civil, xunto a membros de organización da proba. “Agradecemos a todos os que forman parte deste dispositivo a súa vontade de colaboración e a súa dispoñibilidade para que todo saia ben”.
Charla debate sobre Ramón Blanco
Como novidade, este ano as actividades paralelas da Camovi arrancan un día antes. O programa comeza este venres cunha charla debate a cargo de Alejandro López que tratará a traxectoria e os últimos anos de Ramón Blanco.
Falarase tamén sobre o envellecemento activo e a actividade deportiva nas persoas maiores, ademais de facer un repaso a evolución das montañas, a desaparición dalgúns glaciares e demais cambios climáticos.
Neste senso, proxectaranse varias pezas audiovisuais sobre a vida de Ramón Blanco. A proposta terá lugar no Teatro Pastor Díaz a partir das 20.30 horas.